Ola a todos, volvemos das vacacións de nadal, e tardamos por outros motivos pero aos poucos imos collendo o pulso ao novo ano, tendo en mente novas ideas e proxectos, o cal é certo que antes acabaremos algúns do ano pasado, hoxe continuamos a segunda parte sobre o Pazo do Ramo onde o deixamos no noso último artigo.
Despois de haber blasonado o escudo do pazo e de comezar a indagar na vida do señor Estévez Ávila e Aponte, continuamos coas persoas beneficiarias dos seus cuantiosos bens e o seu extenso capital serían persoas importantes na súa vida como Dona Liberata de San Vicente e Aponte (a súa sobriña), muller de Don Domingo Bouzada e Aponte que era tamén Familiar do Santo Oficio da Inquisición de primeiro voto na Vila da Garda, e aos seus fillos e descendentes…, iso si baixo moitas condicións que deixa escrito no seu testamento.
Para que se cumprisen estas vontades deixou númerosos albaceas, para así ter controlado os seus bens e o seu patrimonio, no Rosal un dos seus curas, en Tomiño unha persoa da familia dos Veloso de Orduña, e en Forcadela persoas da familia de Bouzada.
Don Agustín, deu ordes aos seus familiares de Forcadela , que Isabel de San Vicente e Aponte, unha muller solteira que se achaba na súa compañía e que acolleuna por ser orfa, que soubesen os seus herdeiros que, mentres se manteña no estado de celibato tivésena nas súas casas, e dándolle o necesario como el fixera.
Na parroquia de Santa María, no Rosal Don Francisco Agustín Estévez Ávila e Aponte, deixou unha obra, un recordo, un simple cruceiro popularmente coñecido como "A Cruz de Ferro”. Na base deste cruceiro ademais de varios símbolos gravados áchase a seguinte inscrición: A GLORIA I ONOR DE DEUS, MANDO POÑER ESTE CRUCEIRO DN. FRANCISCO AGUSTIN ESTEVEZ DE AVILA E APONTE VECIÑO DESTA FELIGRESIA ANO DE 1740”.
Da vinculación de Don Agustín co Santo Oficio, son claro testemuño as armas heráldicas postas na Casona da Bouzada, Forcadela, no Pazo do Ramo e en Tuy no Mosteiro de Santo Domingo onde tiña unhas tumbas, en agradecemento por parte dos monxes, o noso ilustre personaxe deixa escrito no seu testamento en 1740: “… enterrado o meu corpo nun enterro e sepultura que teño e posúo por mia propia no covento do noso pai Santo Domingo”.
O único que figura na inscrición labrada na súa tumba é “Este sepulcro é de D.Francisco Agustín Estévez Ávila e Aponte e os seus herdeiros”. Como última reseña á súa vida, dicir que tamén deixou escrito no testamento que “declaraba ser solteiro e nunca foi casado e polo mesmo declaraba que non tiña fillos naturais ningún”. O testamento redactouo o 7 de xuño de 1740 o escribiano Andres Gregorio Pereira de Castro de Montenegro, en San Lorenzo de Salcidos.
Don Francisco finou na parroquia de Santa María do Rosal, despois de recibir os Santos sacramentos, o día 12 de setembro de 1762, foi sepultado na capela maior da Igrexa na feligresía de Santa María.
Como último apuntamento a este artigo, dicir que algúns maiores do lugar comentan a existencia dun "triángulo máxico" ou de lendas que falan duns tuneis que comunican a Igrexa, o Convento e o Monte do Priorato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario