"O verán recen comenzado exalta os ánimos dos máis novos. E torna a noite na aldea solitaria, pra ollada cidadá, nunha fermosa festividade de bulicio e alegría. O Miño ao lonxe sumido na súa quietude estival como se o paso dos meses fose deixando nel ano tras ano unha fatiga e un acougo inquietantes, e a muda testemuña destas andanzas, mentras o viño brota das villas nas bodegas e a vexetación privilexiada dunha terra de agua e sol desprende os arrecendos nunha plasmación moi nosa do que puido ser o paraíso. " (Manuel Forcadela 1991)
O desdén da historia dun pobo é o maior dos fracasos como sociedade. Non interesarse polo que se ten nin poñer en valor o patrimonio etnográfico é como perder as túas raíces. Todo o conservado ata os nosos días, son eses escintileos de antigos tempos agora perdidos, son os que nos dan luz ao noso pasado e os gardiáns de antigos costumes, agora xa case esquecidos polo resto da xente. Utilizando esta época dixital e no medio de esta pandemia, nace este blog, coa mellor disposición para sumar o noso pequeno gran de area á conservación e divulgación de todo o que lles pode ofrecer a miña terra, así pois, comezamos e sexan benvidos a Forcadela.

sábado, 26 de marzo de 2022

PESCADORES DE FORCADELA

Ola a todos, hoxe tiña dúbidas con que tema seguir, se volver ao relato de cronoloxía histórica, que abandonámolo un pouco, ou facer un pequeno oco e falar sobre unha gran obra literaria de culto que acabo de terminar estes días, e que aínda teño os datos frescos na miña memoria, penso que esta lectura é clave para comprender a nosa historia, refírome claro está, a Pescadores do Río Miño (Tramo Galego-Portugués), do mestre Eliseo Alonso. 
Arauxo e Luís Argibay na Portada do Libro 
Son moitas as referencias á nosa parroquia, empezaremos dicindo que dá as grazas a homes ilustres de Forcadela que lle traspasaron os seus coñecementos, grandes lobos de río, persoas feitas doutra pasta polo que viviron e sufriron nas súas embarcacións, persoas como Don José Cal Álvarez, Don Manuel Souto coñecido por todos por (Charleston), Don José Rodríguez Estévez coñecido por (Arauxo), un gran amigo e un bo veciño. Coñecino desde que era un neno e os seus recordos sempre irán comigo, e por último Don Luís Argibay que haber se proximamente concédenos uns minutos e podemos charlar con el. 
"O Vello Miño" o seu paso por Forcadela, ó fondo a ponte de Goián
Eliseo trasládanos os perigos da orografía, as rocas que velan en silencio entre as mareas con perigos para a navegación, rocas chamadas con nomes como “As Ovellas” (entre os límites de Forcadela e Carregal), prosigue contándonos que os maiores núcleos de pescadores da nosa parroquia asentábanse na confluencia do Río de Forcadela (agora chamado Río Furnia), nos límites de Carregal e Forcadela cos seus afluentes o Pinzas e o Vilar de Matos. 
Tamén, como aparecen os litixios xudiciais, preitos sostidos polos pescadores ante a real audiencia de Galicia durante os séculos XVIII e XIX, estes conflitos e querelas teñen como motivos principais os pagamentos de diezmos, o dubidoso emprego de aparellos e redes ilegais, e os límites xurisdicionais dos lugares de pesca, coma a ansiada liberdade de pesca e os prexuízos dos labradios nas ribeiras e noutros lugares.
Por exemplo en 1917, exponse un conflito entre os pescadores de Tomiño e Forcadela, alegando os de Tomiño unha suposta querela sobre forza de bens, por impedirlles pescar, actuou como mediador un labrador de Amorín, que tras prestar xuramento, que o fixo en nome de Deus O noso Señor e un sinal da cruz na man dereita, declarou que todos os portos situados entre Amorín, Curras, Sobrada e Forcadela, son propios de cada xurisdición e dos seus veciños, co dereito de pescar e redar neles cos seus barcos e redes sábalos, salmóns e lampreas e outros xéneros de peixes, e de quitar e prohibir que os doutra xurisdición inmediata a elas rede nin pesque nos devanditos portos, costume que xa escoitara aos seus pais e que nunca soubesen que os de Tomiño tivesen dereitos de pesca nos portos de Forcadela. 
A Praia de Maceira - lugar de encontro dos pescadores
Estes contenciosos que tiñan a graza de leves rifas afastadas, preparaban os pescadores, que talvez a través dos afluentes, sentían a chamada do vello Miño, así polo Faia, Furnia ou Forcadela e o Vilar de Matos, sentían a súa voz e baixaban os Alcharifeiros de Tomiño, Piñeiro, Taborda e Estas. Desde as rústicas aldeas interiores ou antigos lugares de Ribas de Miño. 
Foto contida no Libro de Eliseo Alonso
Don Eliseo cita os barcos do tipo chalana, coma na que no ano de 1920, a chalana (Mercedes), foi construída en Forcadela, polo mestre carpinteiro, Antonio Martínez, con madeiras de piñeiro do pais, castiñeiro, carballo e clavazón de ferro importado. 
Cun custo dos xornais de 40 pesetas, os materiais de 60 pesetas, sendo un valor total de 100 pesetas, o barco contaba con 6 metros de eslora e 1,59 de manga, 0,43 de puntal, 2,12 metros de contorno e 1,23 toneladas de peso. 
Hoxe acabamos cas primeiras palabras de Don Eliseo referidas aos Lexendarios Alcharifeiros, que coa case desaparición do sábalo deixaron de baixar aos seus portos de arrastre, aqueles alcharifeiros de recia vocación pescadora e que no seu día ían camiño de lenda fluvial: 
Como eu recordo, empecei a pescar en 1914, cando oín falar das redes chamadas de aljarife, só pescaban de noite por que polo dia faia falta traballar no campo, logo apareceron as redes do trasmallo, houbo discusións duns con outros ata que interveu a Mariña e fixo un novo regulamento dando de sol a sol a rede de arrastre e pola noite o trasmallo”-, esta era a vida de Juan José Álvarez Cal, vello alcharifeiro de Forcadela nacido no ano 1900. 
Antigo núcleo de pescadores no Porto do Carballo
Ata aquí a primeira parte dos artigos dedicados a esta obra literaria, continuaremos moi pronto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario