"O verán recen comenzado exalta os ánimos dos máis novos. E torna a noite na aldea solitaria, pra ollada cidadá, nunha fermosa festividade de bulicio e alegría. O Miño ao lonxe sumido na súa quietude estival como se o paso dos meses fose deixando nel ano tras ano unha fatiga e un acougo inquietantes, e a muda testemuña destas andanzas, mentras o viño brota das villas nas bodegas e a vexetación privilexiada dunha terra de agua e sol desprende os arrecendos nunha plasmación moi nosa do que puido ser o paraíso. " (Manuel Forcadela 1991)
O desdén da historia dun pobo é o maior dos fracasos como sociedade. Non interesarse polo que se ten nin poñer en valor o patrimonio etnográfico é como perder as túas raíces. Todo o conservado ata os nosos días, son eses escintileos de antigos tempos agora perdidos, son os que nos dan luz ao noso pasado e os gardiáns de antigos costumes, agora xa case esquecidos polo resto da xente. Utilizando esta época dixital e no medio de esta pandemia, nace este blog, coa mellor disposición para sumar o noso pequeno gran de area á conservación e divulgación de todo o que lles pode ofrecer a miña terra, así pois, comezamos e sexan benvidos a Forcadela.

sábado, 6 de xullo de 2024

Entrevista con Emilio Estévez Martínez

Saúdos compañeir@s buscadores de anacos da nosa historia. Continuamos ca sección de entrevistas non noso blogue. É un pracer ter hoxe con nos a unha persoa que na súa obra entrelaza historia e narrativa profunda. Él lévanos a coñecer momentos aos que todos chegamos nas nosas vidas, así como a cales serían as nosas respostas ante o descoñecido, os nosos medos, o amor, etc. En definitiva, os misterios da vida. É capaz de facernos visitar o Tui do século primeiro e transgredir o tempo facéndonos participes de todo o que implica aos especiais anos oitenta e principios dos noventa. 
Este autor nace en Tui a principios dos anos 70. A súa primeira obra o “Báculo de San Epitacio”, é un libro que che atrapa dende o seu inicio ata o final. Él é director xerente, vicepresidente da Cámara de Tui, profesor, investigador e escritor. Estamos a falar de Emilio Estévez Martínez. 
Entrevista
Boas Emilio, primeiramente darte as grazas polo agasallo en forma de guión da túa primeira obra na que comprobei ou teu gran don para a novela histórica. Tamén polas veces que colaboraches dende a sombra neste blogue achegando coñecementos e ideas. Así pois, dende este humilde blogue moitas grazas de novo, como xa sabes, Forcadela pertenceu en varias ocasións ao longo do tempo a Tui . O fin e o cabo é bo coñecer o pasado dos que nos rodean por que a historia sempre acaba entrelazándose. 
Emilio, ¿que recordos de xuventude tes de ese Tui de mediados dos anos 70? 
Bos días, gracias a ti por facer este blog, que tanto ben fai á recuperación da fabulosa historia da nosa comarca. Para comezar faríate unha pequena apreciación: Non é que Forcadela pertencera a Tui, senón que Forcadela era unha parte de Tui. Os habitantes desta zona poden estar tan identificados cos importantes feitos históricos de Tui, coma os habitantes do propio centro urbano. Tui chegaba ata aquí e o seu centro variou en distintos séculos. Estivo en Pazos de Reis, no Aloia, en San Bartolomé de Rebordáns, na zona do alto dos Cubos, perto de Randufe. Hai unha grande historia desta diócese do século I, capital do reino de Galicia, capital de Provincia e mesmo capital visigoda de Witiza. Penso que os habitantes de Forcadela poden sentirse, porque o son, herdeiros destas historias, coa mesma lexitimidade que un habitante dunha rúa céntrica de Tui. 
Sobre os setenta… O primeiro é pensar que xa nos vamos facendo maiores… A xente, te pode dicir que foi unha época de seguridade nas rúas, de xogar ó aire libre en tardes eternas, de familia extensa, onde primos e veciños entraban na casa de forma cotiá, a época da chegada da democracia e a liberdade, a época de ver todo o mundo os mesmos programas de televisión e tertuliar todos sobre o mesmo, os guateques… Iso, o bo. O malo as drogas, que se popularizaron e acabaron sendo unha desfeita. Pero eu digo algo máis: 
Foi unha época de esperanza e potencialidade. Todos críamos que o futuro persoal e colectivo podía traer grandes cousas. Agora non hai esa sensación. Non recordo unha época de mellores sentimentos colectivos, en cuanto a ollar o futuro con esperanza, coma os setenta. Penso que esas boas intencións fixeron que nas seguintes décadas, o noso pais mellorara moito. Agora, en cambio, vivíndose moito mellor, a xente vive no desánimo. Eu reivindico o “bo rollo” e a esperanza colectiva dos setenta, como a mellor forma de encarar o século XXI. 
Seguro que tes lugares especiais que visitabas con frecuencia nesa etapa, ¿cales son os que volverías visitar? 
Eu teño tres lugares “fetiche” onde síntome ben, simplemente con estar. Á beira do Miño en Tui, o Aloia e a praia da Ribeira en Baiona, na mítica Erizana. Penso que este blog, centrado en Forcadela, pode falar tamén do resto da nosa comarca. Baiona xa é Val Miñor, pero si quero comentar, que estas dúas comarcas xuntas. O Baixo Miño e o Val Miñor conforman un dos recantos máis fermosos da terra. O penso co corazón, pero tamén ca razón. 
¿Cómo recordas a túa etapa escolar? ¿E a túa escola? ¿Podes describir un día normal nela? 
As clases tiñan máis de trinta alumnos, e penso que os profesores ás levaban ben. O ambiente escolar era coma o colectivo de esperanza. Xogábase moito… O trompo, a goma, con cromos, á pelota, o xogo estrela eran as canicas. O mellor era a sensación de seguridade na rúa e de xogar con calquera neno da túa idade que toparas. Era fácil facer amigos. Logo nos oitenta a prata nas olimpiadas dos Ángeles e Jordan provocaron un “boom” polo baloncesto, que se viviu moito na escola. En Tui, a medalla olímpica de Miguez nos fixo mirar máis cara ó noso querido Miño. O tema das drogas arruinou a sensación de seguridade, pero estas cousas xa foron os principios dos oitenta. 
¿Cando desperta a túa paixón pola escritura? 
Polo meu pai. El é un home culto, capaz de falar latín e lector insaciable. Dende neno aprendín del a soñar ca lectura, a viaxar a mundos que existen e a outros que non. Un brindis polo meu pai. Manuel Estévez Lorenzo, profesor de matemáticas, adestrador de xadrez e catequista de centos, poida que miles de nenos en Tui. 
¿Lembras algún conto ou lenda da zona de Tui que aprenderas de neno ou posteriormente na túa labor como investigador?

Sen dúbida, é apaixoante a Figura de Epitacio de Plasencia. Bispo no século I, con San Xoán aínda vivo, é un dos poucos personaxes históricos que aseguran ter visto en Galicia a Santiago apóstolo. Penso que se centra moito o debate histórico, en saber si a tumba do apóstolo está en Compostela. Pero, para nos, hai un debate máis interesante e mesmo máis verosímil. ¿Pasou por Tui? ¿ Santiago nomeou directamente bispo a Epitacio de Plasencia? Este personaxe e o centro da miña primeira novela: “El Báculo de San Epitacio”. É unha novela sobre dous mozos, que percorren a nosa comarca en busca dos restos arqueolóxicos do Santo. Para Susana, a protagonista, que non é de aquí, supón unha experiencia que lle cambia a vida. Quizais me paso de orgullo local. Pero si que penso realmente, que esta comarca e as súas boas xentes te cambia en positivo. 
¿Dáste conta dalgún acontecemento histórico no concello de Tui que fora esquecido no tempo e mereza ser lembrado, posto en valor ou investigado? 
Sen dúbida… A corte de Witiza é clave na historia de España. Clave a guerra civil visigoda entre Witiza e Rodrigo, clave que a corte de Witiza estivese aquí, isto permite pensar que quizáis, nalgún momento puntual, Tui fose sede da corte, ou sexa capital temporal da España visigoda. E a presencia, coma nobre ó servicio de Witiza, do pai de Don Pelaio, nos permite intuir a presencia do primeiro Rei de Asturias na nosa cidade. 
Para concluír a entrevista, ¿poderías facer un breve resumo da túa segunda obra para os nosos seguidores? Permítome proporte a idea de que inclúas a Forcadela na terceira...
A miña segunda novela, escrita en galego, está terminada na súa primeira fase, pero agora toca unha relectura pausada, e mesmo reescritura dalgunhas partes. É novela propiamente histórica, onde unha parte do relato é nos nosos días e outra no século XI, onde un culto neniño de Tui pretende salvar a cidade da terrible invasión de Olaf o Viquingo. Esta invasión foi real e foi un xenocidio, que arrasou a cidade e matou a maioría da poboación. Foi un retroceso para Tui, que estaba destinado a ser unha capital Atlántica de primeiro nivel. A cidade tarda varias xeracións en recuperarse, ata que o rei de León constrúe a cidadela que hoxe coñecemos. 
Me comprometo a, nesa reescritura/corrección na que estou inmerso, citar a Forcadela.

Emilio Estévez Martínez


Ningún comentario:

Publicar un comentario