"O verán recen comenzado exalta os ánimos dos máis novos. E torna a noite na aldea solitaria, pra ollada cidadá, nunha fermosa festividade de bulicio e alegría. O Miño ao lonxe sumido na súa quietude estival como se o paso dos meses fose deixando nel ano tras ano unha fatiga e un acougo inquietantes, e a muda testemuña destas andanzas, mentras o viño brota das villas nas bodegas e a vexetación privilexiada dunha terra de agua e sol desprende os arrecendos nunha plasmación moi nosa do que puido ser o paraíso. " (Manuel Forcadela 1991)
O desdén da historia dun pobo é o maior dos fracasos como sociedade. Non interesarse polo que se ten nin poñer en valor o patrimonio etnográfico é como perder as túas raíces. Todo o conservado ata os nosos días, son eses escintileos de antigos tempos agora perdidos, son os que nos dan luz ao noso pasado e os gardiáns de antigos costumes, agora xa case esquecidos polo resto da xente. Utilizando esta época dixital e no medio de esta pandemia, nace este blog, coa mellor disposición para sumar o noso pequeno gran de area á conservación e divulgación de todo o que lles pode ofrecer a miña terra, así pois, comezamos e sexan benvidos a Forcadela.

sábado, 2 de outubro de 2021

O MUIÑO DA FIGUEIRA

Ola a todos, para empezar e poñernos en situación, regresamos ao traballo de campo, recuperando o noso roteiro dos muíños da parroquia que hoxe chega o seu ecuador. 
Xa visitamos o barrio de o Ferreiro, alí estudamos os seus dous muíños (O do Ferreiro, e o da Devesa, en artigos anteriores). 
En Forcadela a día de hoxe, aínda conservamos seis muíños en total, dos que antigamente se lles denominaba "Harineros". 
Muiño da Figueira
Hoxe centrarémonos no da Figueira, situado nas terras máis profundas do barrio da Cova, nas súas paraxes fermosas que se perden na distancia, ata chocar co río de Forcadela, non moi lonxe, debido ao desnivel do terreo anteriormente citado, este muíño ten na súa construción, unha situación privilexiada, ao recibir a auga desde zonas con maior altitude. 
A primeira referencia que atopamos deste muíño, data do ano 1847, aparece notificado no Dicionario estatístico Xeográfico de España e as súas posesións de ultramar, escrito por Pascual Madoz no seu volume número oito. 
Diccionario de España - Pascual Madoz
O seguinte paso na nosa investigación, lévanos a unha tarde de agosto deste ano, cando visitamos a cidade do Lérez, para seguir na procura de máis información, despois de indagar en páxinas escritas, alá por 1921, atopamos información de máis dun século de antigüidade, onde localizamos un pequeno parágrafo onde nos conta, que: 
“Joseph Carballido, finc 24, fai no muíño da Figueira , no arento de Pedro Álvarez. Trece días ao ano de moenda” 
Arquivo Histórico de Pontevedra
O pasado deste muíño, vai da man da historia do Agrarismo Galego, nos seus comezos, as súas construcións son levadas a cabo máis ou menos a mediados da metade do século XIX. 
Detalle da porta do Muíño
Cando os veciños participaron activamente nas construcións destes muíños, así se reflicte nas reparticións de días e horas de moenda, atopados despois en documentos da época, as posteriores melloras no agrarismo ao redor de 1907,cando xorden movementos como “Solidariedade Galega” e alcanzando o seu máximo expoñente en tempos da República con sociedades agrarias , como ``Sociedade de Obreiros Agricultores de Tomiño e Forcadela (1911), Sociedade de Agricultores de Forcadela (1913), etc.” 
Entrada da auga do Muíño
Todos estes colectivos tocan ao seu fin debido á guerra (1936), e xa non volvería ser o mesmo, aos poucos os muíños foron quedando en desuso a partir da segunda metade do século XX, pola transformación na agricultura con maquinas mais modernas e pola emigración na parroquia , os que aínda hoxe consérvanse, é grazas ás pequenas reconstrucións feitas polos veciños como a última, a mans dunha comisión veciñal que recadou fondos para as devanditas reformas no ano 2004. 
Lateral e traseira do Muíño
Desde este blogue seguiremos buscando máis información para complementar a historia deste muíño, quería dar as grazas a todas as persoas que axudaron a facer este artigo, a nosa seguinte parada será no barrio de Os Muíños alí atoparémonos con dous muíños e máis tarde acabaremos o noso roteiro no barrio da Ponte coa nosa xoia da coroa, o Muíño do Cadaval.

Ningún comentario:

Publicar un comentario