"O verán recen comenzado exalta os ánimos dos máis novos. E torna a noite na aldea solitaria, pra ollada cidadá, nunha fermosa festividade de bulicio e alegría. O Miño ao lonxe sumido na súa quietude estival como se o paso dos meses fose deixando nel ano tras ano unha fatiga e un acougo inquietantes, e a muda testemuña destas andanzas, mentras o viño brota das villas nas bodegas e a vexetación privilexiada dunha terra de agua e sol desprende os arrecendos nunha plasmación moi nosa do que puido ser o paraíso. " (Manuel Forcadela 1991)
O desdén da historia dun pobo é o maior dos fracasos como sociedade. Non interesarse polo que se ten nin poñer en valor o patrimonio etnográfico é como perder as túas raíces. Todo o conservado ata os nosos días, son eses escintileos de antigos tempos agora perdidos, son os que nos dan luz ao noso pasado e os gardiáns de antigos costumes, agora xa case esquecidos polo resto da xente. Utilizando esta época dixital e no medio de esta pandemia, nace este blog, coa mellor disposición para sumar o noso pequeno gran de area á conservación e divulgación de todo o que lles pode ofrecer a miña terra, así pois, comezamos e sexan benvidos a Forcadela.

sábado, 9 de marzo de 2024

Cruceiros no Ramo - Parte 1

O acervo de Forcadela sempre volve, por que foi e sempre será un dos nosos compromisos; despois dunha longa parada técnica no garaxe, volvemos cas pilas cheas. Igual co ave fénix rexurde unha e outra vez máis forte e radiante, tentarémonos seguir dando un pouco desa luz aos segredos e misterios do patrimonio da nosa parroquia. 
Anteriormente na nosa última parada estivemos no Cruceiro de Vilar de Matos, hoxe no percorrido dos nosos cruceiros seguiremos polos restos do antigo camiño real, que vai paralelo á estrada xeral, outrora un fermoso piñeiral agora xa non queda nada deses tempos, o rematar o camiño, este lévanos ó barrio do Ramo, cruzando a estrada polo lugar chamado "A Rega", pola antiga bagoada que había en tempos agora xa tapada, despois de sucesivos recheos. 
Situación do antigo piñeiral
Subimos a costa divisando de lonxe o pazo dos Candeira o como se lle coñece agora coma a quinta do Ramo, neste momento cruzámonos cos últimos restos de bosques de sobreiras, esperemos que algunhas destas sobrevivan ata que poidan ter a distinción de árbores senlleiras, porque algunha delas de verdade que son moi fermosas. A nosa esquerda ollamos o futuro pulmón verde da parroquia, alégrome moito, unha pequena fraga de carballos e castiñeiros para o desfrute dos veciños, moitas grazas á Comunidade de Montes de Forcadela.
Subida ó Ramo dirección Pazo dos Candeira
Xusto despois de deixar atrás os terreos comunais viramos á dereita por un pequeno e sinuoso camiño que me devolve a miña xuventude, cando baixabamos e subiamos por el, para atallar cas bicicletas que tiñamos, cando íamos xogar ó fútbol no torreiro da igrexa, ó final deste camiño había unha pequena costa, que nos leva de cheo o cruzamento de camiños do alto do Ramo, dende alí divisamos unha fermosa paisaxe, e contemplamos todo un pequeno val. 
Antiga arboreda de sobreiras
Xa estiveramos por aquí cando falamos do lavadoiro do Ramo, en artigos anteriores pero hoxe parámonos, para darlle o tempo que se merece, presidindo este val dende hai varios séculos temos o noso carón o cruceiro do alto do Ramo, nesta encrucillada podemos distinguir dous camiños importantes, e outro un pouco menos, pero máis divertido, se o baixabas en bicicleta. 
Lugar da Rega -  Futura fraga da parroquia
O camiño cara o suroeste, que pasa polo lavadoiro e a fonte do Ramo e que máis adiante está xa a igrexa de Forcadela, e logo esta o camiño dirección oeste, este vai cara Vilar de Matos, e pasaría polo cruceiro que estudiamos anteriormente. 
No análise deste cruceiro podemos dicir que conten unha plataforma cuadrangular de granito do pais, cos seus bordos de aresta viva un pouco biselados e de boa factura a pesar da erosión do tempo, parcialmente oculta pola vexetación, nas fotos antigas si que se aprecia ben, a seguir unha base monolítica, coma no caso dos dous analizados anteriormente, adoita ser a regra xeral nos cruceiros da parroquia, de momento non observamos datas de construción nin debuxos ornamentais. 
Un dos cruceiros do alto do Ramo
O seu fuste é monolítico, liso sen acanaladuras e un capitel cuadrangular cas arestas rebaixadas pero liso no resto da súa obra, sen máis marcas que rexistrar. 
Un análise máis detallado podémolo atopar no estudo de 1998 feito por Félix Loira e Estanislao Fernández da Cigoña Núñez, cóntanos que non conten chanzos de sustentación e que conten dúas pezas ben diferenciadas as súas medidas son de alto 2,36 m, de alto 1,09m de envergadura e o perímetro chega aos 70 cm, nesa época tampouco atoparon o ano de construción nin epígrafes pero resaltan o seu bo estado de conservación apuntan sen sinais de devoción. 
Discrepo nese último apuntamento, xa que en varias ocasións ó longo do ano atópanse flores na súa plataforma e velas ó carón da súa base, ata aquí a roteiro de campo de hoxe, o seguinte cruceiro que visitaremos será o do barrio dos “Cruceiros”. 
Como último apunte, situados ao carón deste cruceiro démonos conta e sorprendeunos a imaxe que se erguía uns metros máis adiante entre as árbores, "un novo cruceiro", quedamos abraiados, tentaremos falar co dono haber se nos deixa investigalo, xa estamos ansiosos por volver, un saúdo e vémonos non seguinte artigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario