"O verán recen comenzado exalta os ánimos dos máis novos. E torna a noite na aldea solitaria, pra ollada cidadá, nunha fermosa festividade de bulicio e alegría. O Miño ao lonxe sumido na súa quietude estival como se o paso dos meses fose deixando nel ano tras ano unha fatiga e un acougo inquietantes, e a muda testemuña destas andanzas, mentras o viño brota das villas nas bodegas e a vexetación privilexiada dunha terra de agua e sol desprende os arrecendos nunha plasmación moi nosa do que puido ser o paraíso. " (Manuel Forcadela 1991)
O desdén da historia dun pobo é o maior dos fracasos como sociedade. Non interesarse polo que se ten nin poñer en valor o patrimonio etnográfico é como perder as túas raíces. Todo o conservado ata os nosos días, son eses escintileos de antigos tempos agora perdidos, son os que nos dan luz ao noso pasado e os gardiáns de antigos costumes, agora xa case esquecidos polo resto da xente. Utilizando esta época dixital e no medio de esta pandemia, nace este blog, coa mellor disposición para sumar o noso pequeno gran de area á conservación e divulgación de todo o que lles pode ofrecer a miña terra, así pois, comezamos e sexan benvidos a Forcadela.

sábado, 25 de febreiro de 2023

Cruceiros en Vilar de Matos - Parte 2

Ola a todos, seguimos o noso roteiro dos cruceiros da parroquia, camiñando moi preto do río, e de momento por baixo da liña da estrada, a nacional 552, deixando atrás o río Vilar de Matos, onde foi a nosa última parada, desprazámonos dirección Este, pasando a subida do empalme e finalmente chegando ao cruzamento de camiños á beira do antigo restaurante Miñoteiro. 
Cruceiro na encrucillada de camiños en Vilar de Matos
Neste punto uníanse e únense varios camiños como o que baixa desde San Benito, os camiños que van paralelos ao río, de épocas remotas posibles camiños secundarios, da Vía Per Loca Marítima xa nomeada en artigos anteriores, que van dirección ao barrio do Ramo ou a Sobrelaveiga e a estrada xeral que os cruza a todos eles, neste gran cruzamento de camiños está este cruceiro chamado en case todos lados consultados como o de Vilar de Matos. 
Na análise deste cruceiro comezariamos pola súa plataforma cuadrangular dun só chanzo de granito do país, esta parte do cruceiro esta semienterrada por estar nunha pendente do terreo, polos sucesivos arranxos da estrada que subiron o nivel desta, e tapando progresivamente a plataforma, nos remates do chanzo da base podemos observar que o seu bordo esta liso, tamén diremos que é a parte que máis cambios sufriu da súa historia, está chea de reparacións obsérvanse parches de cemento e formigón.
Detalle da base do Cruceiro
Constatamos polo menos un incidente cuns turistas de viaxe que quixeron agarrarse ao cruceiro para facerse unhas fotos e este derrubouse sen causar danos persoais, isto ocorreu entre os anos 60 e 70, non podemos precisar máis, a parte deste suceso temos constancia de que un camión que chocou rozando con él, e despois disto colocáronse as pedras que o flanquean nas súas catro esquinas a modo de protección. 
A súa base é monolítica dun tamaño similar ao anterior cruceiro que vimos, non consta ningún elemento ornamental nin tampouco algunha inscrición, pasamos ao fuste nesta parte diremos que tamén é monolítico de sección cuadrangular cun único debuxo xeométrico, un pequeno suco ou acanaladura nos dous lados do fuste que percorren paralelamente o debuxo da cruz. 
Cruceiro diante da antiga tenda da Pura
Para ir terminando constataremos que non contén capitel, e que o fuste da paso á cruz formando unha cruz de sección cuadrangular simple pero esvelta e de lados biselados. A cruz ten unha altura de 2,10 metros aprox., contando con 88 cm a súa envergadura, e o perímetro no pé de 64 cm.  Pode ser que a cruz perdese a primitiva parte superior, xa que dende o pé advirtese dúas liñas verticais pero por contra no traveseiro e testeiro son completamente lisos. 
Detalle dos surcos no fuste
Este cruceiro gardarase para el, miles de historias de todos os veciños que por alí pasaron algunha vez, miles de tardes onde se xogaba ao futbol aos seus pés, nenas e nenos apartabámonos ao ver vir os coches e logo seguiamos xogando ata que o balón perdíase nos campos ou se facía de noite e escoitabas á túa nai gritar o teu nome ou uns asubíos que xa sabias que era o teu pai dicindo que xa estaba ben por hoxe. 
Non podo deixar de nomear e lembrar que á beira do cruceiro había un lugar case místico ou iso pensaba eu na miña infancia por aquel entón, a tenda da señora Pura, polo día era unha tenda de ultramarinos, collíase o pan, pemento , froita, logo a parte tiñas limpa botellas, pinzas ata balóns de fútbol, era unha desas tendas que tiñan todo o que che facía falta nos seus andeis case lendarios, nunha parte da tenda facíase de tasca onde os maiores do lugar tomábanse uns viños acórdome que se poñían a modo de picoteo os cacahuetes máis grandes que eu xamais vin, charlaban discutían e ata cantaban, pero o mellor dábase na época estival co bo tempo e as noites estivais sentaban nunha mesa na entrada e alí xuntábanse xentes de lugares dispersos desde a Garda a Tui, desde pescadores, garda civís, músicos cazadores xentes do pobo e ata turistas que volvían ao pobo no verán de vacacións e calquera persoa que pasase pola estrada xeral. 
Hoxe deixámolo aquí reclamando ao concello o arranxo e protección deste cruceiro para que poida seguir contando mil historias máis e esperemos que ningún outro turista ocórraselle derrubalo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario