Ola a todos, hai uns meses falabamos neste blogue dunha noticia que chegaba aos nosos oídos, a restauración do lavadoiro do barrio do Ramo, encheunos de ledicia, xa que aquí tratamos os problemas que sofre o noso patrimonio, moitas veces levámonos penas e tristezas ao contemplar o estado destes elementos, pero ese día foi diferente coa esperanza de que esa obra se fixese o máis axiña posible, pechamos aquel artigo cun sorriso de lado a lado.
No mes de marzo do pasado ano 2022, comezaron a retirar a antiga cuberta, que xa contiña varios ocos entre as tellas, algúns deles de certa importancia, posteriormente procederon a retirar as grandes vigas de madeira con máis de medio século ás súas costas, todas elas feitas de madeira de carballo. Seguidamente centrouse o traballo nas paredes revestidas de antigos ladrillos. Por certo, neste punto vou abrir un inciso, é dicir, que creo que foi un total desacerto non respectar o que quedaba da antiga placa da restauración de 1954, pois na miña opinión poderíase volver a colocar nalgún recuncho da nova obra ou doala a algunha asociación veciñal, gardala para un futuro museo de Forcadela, etc., habería mil e unha posibilidades, pero viuse máis como un só traballo de reforma e non contou posiblemente co agarimo suficiente cara ás cousas antigas e o patrimonio do pobo.
Cando se acabou de retirar todos os cascotes da obra empezaron a rexuntar a antiga parede, do muro ao lado dereito, un antigo muro de cachotería de pedra de perpiaños do país que á súa vez fai de muro de contención coas viñas da familia Mariño.
Para a reconstrución ao lado esquerdo do lavadoiro optaron por grandes laxas de pedra, e non por seguir co antigo muro, (moito máis bonito), o que non sei, se isto foi debido ao presuposto ou ao tempo, na miña humilde opinión: só foi porque daba algo máis traballo. Entre os meses de marzo e abril a obra parouse unhas semanas pero en maio e xuño puxéronse as vigas novas coas novas tellas do país cuns tons de cores variadas tirando a pardas, acabouse de rexuntar todas as paredes e quedou á espera dos últimos detalles, como a porta para o acceso dos veciños ,o punto de luz e por último a placa que lle puxeron na viga frontal, concluíndose o traballo sobre o mes de setembro.
Agora temos o lavadoiro reconstruído, para o goce dos veciños e de todas as persoas que camiñen polo barrio do Ramo, terán que ser estes últimos quen xulguen se valeu a pena ou se se puidese mellorar, eu, non o sei, teño ideas atopadas é certo que non teño idea de como vai a política nestes casos, quen dá as ordes e quen paga estes contratos, pero creo honestamente que coa subvención que chegou para esta obra puidéronse facer dúas ou tres cousas máis que lle darían unha mellora á obra e ó barrio.
En primeiro lugar, arranxar e arrombar o nacemento da fonte e a presa que están a uns metros máis arriba e abaixo do lavadoiro, un panel informativo en condicións, ensinando un roteiro de lavadoiros da parroquia, a historia do lavadoiro e os seus costumes, son algúns pequenos reproches que lle podemos facer ás autoridades, despois disto, só podemos agradecer por impulsar a obra e que non se esquezan que temos outros dous lavadoiros en Eidos de Abaixo e no barrio da Cova que merecen a súa atención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario