"O verán recen comenzado exalta os ánimos dos máis novos. E torna a noite na aldea solitaria, pra ollada cidadá, nunha fermosa festividade de bulicio e alegría. O Miño ao lonxe sumido na súa quietude estival como se o paso dos meses fose deixando nel ano tras ano unha fatiga e un acougo inquietantes, e a muda testemuña destas andanzas, mentras o viño brota das villas nas bodegas e a vexetación privilexiada dunha terra de agua e sol desprende os arrecendos nunha plasmación moi nosa do que puido ser o paraíso. " (Manuel Forcadela 1991)
O desdén da historia dun pobo é o maior dos fracasos como sociedade. Non interesarse polo que se ten nin poñer en valor o patrimonio etnográfico é como perder as túas raíces. Todo o conservado ata os nosos días, son eses escintileos de antigos tempos agora perdidos, son os que nos dan luz ao noso pasado e os gardiáns de antigos costumes, agora xa case esquecidos polo resto da xente. Utilizando esta época dixital e no medio de esta pandemia, nace este blog, coa mellor disposición para sumar o noso pequeno gran de area á conservación e divulgación de todo o que lles pode ofrecer a miña terra, así pois, comezamos e sexan benvidos a Forcadela.

sábado, 26 de novembro de 2022

Cruceiros en Vilar de Matos - Parte I

Hoxe comezamos a escribir sobre outra clase e variedade do noso patrimonio, que aínda non tocamos no blogue, e que está catalogado a medias, na nosa parroquia. En todos os libros de documentación sobre as cruces e cruceiros de Forcadela consultados démonos conta que ou ben faltan algúns en certos libros, ou noutros casos confúndense con cruceiros de barrios limítrofes que non son propios de Forcadela, e por desgraza faltan outros que nunca foron documentados.
Empezamos de aquí en diante un novo traballo de campo e documentación, para tentar facer o máis amplo, novo e actualizado traballo de etnografía sobre as cruces e cruceiros da nosa parroquia, entramos en materia, como saberedes todos por Forcadela pasaba o antigo camiño real ou verea vella como o chamaba o gran autor X.M Tamuxe nas súas obras.
Restos do antigo Camiño Real
Se nos fixamos aínda podemos ver algúns anacos desta antiga vía, en barrios como no lugar da Ponte ou en Vilar de Matos. Este camiño real que case seguro copiaba e seguía os antigos camiños romanos que existían anteriormente. Nestas vías Romanas, que cruzaban a nosa parroquia de norte a sur, ramificándose nalgúns camiños máis pequenos puntualmente, é aquí, tanto nos cruces de camiños ou ó paso deles onde podemos atopar as cruces e cruceiros. 
¿Que son os cruceiros?, son un tipo de arte popular, pétreo de tinte relixiosa, que nace ó redor do século IV a.c, chegando a Galicia sobre o século XVI. Pódense atopar ao longo de todos os pobos, Forcadela non é unha excepción, en gran parte debido á nosa forma de ser e os nosos costumes acabáronse adaptando moi ben á nosa terra. 
Cruceiro na Ponte do río de Vilar de Matos
O primeiro cruceiro que catalogaremos esta no barrio do Ferreiro seguindo as indicacións de algúns veciños, inda que outras persoas dinnos que pertence a Vilar de Matos, o que si sabemos e que ao pasar o camiño da Ponte sobre o esteiro de Vilar de Matos agora mal chamado Río Pego, este cruceiro protexía o antigo cruzamento de camiños que transitaba ata a Torre de Goian e accedía a estrada vella que discorre moi preto da que vemos hoxe en día, este cruzamento de camiños desapareceu coa concentración parcelaria. Como anécdota os veciños contan que por ese cruzamento de camiños pasaba a antiga dilixencia que ía desde a Garda a Vigo, facendo parada na antiga taberna da Señora Vicenta. 
Este cruceiro sufriu un gran numero de incidentes, ata o seu actual estado cunha restauración feita por algúns veciños, está uns metros á beira, do seu sitio orixinal, estivo cuberto de terra e maleza, tamén de auga sendo testemuña muda das históricas crecidas de rio Miño ao longo dos últimos séculos servindo como lugar de medida destas grandes catástrofes. 
Describiremos o cruceiro da ponte do río de Vilar de Matos, dicindo que esta construído por completo en pedra de granito, conta cunha plataforma cuadrangular dun só chanzo en aresta viva e non contén ningunha inscrición, séguelle unha base monolítica, esta parte si que contén algunha inscrición en varios dos seus lados, aínda que moi desgastadas podemos ler: "mandou facer" nun lado e noutro a palabra "Xesús". Despois vén o fuste ou varal todo liso de sección circular contendo no seu parte inferior un imoscapo con relevos rectangulares, conta cun capitel esférico de bordos lisos ornamentado con varias espirais e no medio delas catro anxos ou querubíns, acabando o cruceiro nunha cruz recta de sección cuadrangular. 
Detalle da base con inscricións
Este cruceiro está moi activo a día de hoxe, é raro non atoparnos con ofrendas na súa base ao seu paso por el , a fe dos veciños demóstrase coas flores que aparecen na súa base. 
Detalle do fuste e mailo capitel
Como peche ao artigo de hoxe, direi que como anécdota persoal recordo as grandes inundacións dos anos noventa onde a auga cubríao todo, chegando ata a estrada xeral, os amigos do barrio do Cotro e Vilar de Matos daquela época xuntabámonos, achegándonos en bicicleta ata onde nos topabamos coa auga, entón collíamos unha pequena balsa inchable que non me acordo de quen era e facíanse pequenas viaxes nela pasando por encima das canas do millo e os campos, pasabamos á beira do cruceiro semisumerxido, esa imaxe quedou gravada na miña mente, as trasnadas e aventuras de mocidade, hoxe deixámolo aquí, o noso seguinte paso será ir un a un descubrindo todos os cruceiros da parroquia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario