Hoxe consómeme a tristeza e a desacougo por ver como tallan os montes onde antigamente andabamos en bicicleta, onde faciamos as nosas cabanas nas árbores, etc., e algo de rabia pola maneira, esa forma de tallar todo a mata rasa, esnaquizando moito máis do que se ve a primeira vista.
Tentando xustificarse en leis inxustas, e sen querer ver un pouco máis aló, sen ningunha idea ou “lei” para compensar tan desfeita natural que a ninguén parece importarlle.
Despois de contemplar esta brutal desfeita preto do río, moi preto, sen que ninguén faga nada e miren para outro lado cando asaltan zonas verdes, Rede Natura, etc.
Deixamos atrás o claro feito no monte, e chegamos ao antigo destacamento da mariña, esta base naval que pertenceu á comandancia Naval do Miño, medio século instalada na nosa parroquia, onde moitos veciños e familiares fixeron o antigo servizo militar, onde antes concedíanse os permisos de pesca, e os garda-marines axudaban nos conflitos de pescadores, acentuando a seguridade da zona en praias, río e zonas circundantes.
Agora pois, viaxamos no tempo consultando a hemeroteca e chegamos ao 03 de xullo de 1953.
Tomiño:
Novo cuartel de Mariña;
Na parroquia de Forcadela inaugurouse o novo cuartel da Mariña, cuxas obras tiñan un orzamento de execución de 160.000 pesetas.
Asistiron ao acto o tenente de navío e comandante do “Cabo Fradera”, Don Edmundo Fraga; o asesor xurídico de Mariña, Don Manuel Cela Diz, o sarxento comandante do posto, D. Aurelio Paredes, o tenente alcalde de Tomiño, D. Domingo Álvarez, en representación do alcalde de Tomiño, o Señor Troncoso Martínez; O chanceler do Consulado de España en Valença do Miño, don Manuel López Lorenzo, e o delegado do banco de España na Fronteira de Tuy, Don José María López Loriga.
Despois de percorrer as dependencias do novo Cuartel, procedeu á súa bendición, o Ecónomo de Forcadela, Don. Benito Castro Negreira. Seguidamente co cerimonial en vigor, izou a Bandeira de España enfronte do novo edificio o comandante do “Cabo Fradera”, e que falou no acto en breves palabras e dedicou frases de eloxio ao ministro da Mariña, e ao Xefe do Estado, o Comandante do posto obsequiou por último cunha copa de viño aos concorrentes ao acto inaugural do novo cuartel da Mariña de Guerra de España.
Grazas ao xornal "Pobo Gallego", podemos atisbar como transcorreu aquel día.
Volvendo á realidade creo que a falta de ganas de conservar un lugar como este, as promesas rotas de rehabilitación e reacondicionamiento do edificio, cunha exigüidade de ideas e o que é peor, a desidia que mostran as autoridades, dan un cúmulo de circunstancias, que é o que a día de hoxe atopámonos no antigo destacamento da Mariña na nosa parroquia, máis de dúas décadas despois do seu peche a finais dos anos 90.
O vandalismo e o abandono da zona fan o resto. O artigo 161/003863 do 18 de setembro de 2015 só concedía cinco anos de concesión ao concello, persoalmente non sei se sería rendible ou non, pero se algunha vez recuperan os camiños da antiga fábrica de sal, así poderiamos visitar os antigos peiraos de agarre da Serrería do río. Así como tamén replantar árbores para facer unha verdadeira ecopista, etc.
Camiño o peirao |
Pero sobre todo se a xente puidese recuperar o antigo peirao e a praia da mariña para o seu goce aínda que fosen só cinco anos, creo que merecería a pena.
Desde este blogue non pedimos milagres nin fantasías utópicas pero o que si agradeceriamos tódalas veciñas e veciños é a limpeza do lixo e maleza do destacamento e da praia da mariña.
Proximamente, seguiremos traendo historias do destacamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario