"O verán recen comenzado exalta os ánimos dos máis novos. E torna a noite na aldea solitaria, pra ollada cidadá, nunha fermosa festividade de bulicio e alegría. O Miño ao lonxe sumido na súa quietude estival como se o paso dos meses fose deixando nel ano tras ano unha fatiga e un acougo inquietantes, e a muda testemuña destas andanzas, mentras o viño brota das villas nas bodegas e a vexetación privilexiada dunha terra de agua e sol desprende os arrecendos nunha plasmación moi nosa do que puido ser o paraíso. " (Manuel Forcadela 1991)
O desdén da historia dun pobo é o maior dos fracasos como sociedade. Non interesarse polo que se ten nin poñer en valor o patrimonio etnográfico é como perder as túas raíces. Todo o conservado ata os nosos días, son eses escintileos de antigos tempos agora perdidos, son os que nos dan luz ao noso pasado e os gardiáns de antigos costumes, agora xa case esquecidos polo resto da xente. Utilizando esta época dixital e no medio de esta pandemia, nace este blog, coa mellor disposición para sumar o noso pequeno gran de area á conservación e divulgación de todo o que lles pode ofrecer a miña terra, así pois, comezamos e sexan benvidos a Forcadela.

sábado, 25 de decembro de 2021

PAZO DO RAMO - Parte 1

Despois de longas pesquisas imos acariñando a superficie da historia do Pazo do Ramo, esta aventura lévanos a coñecer a Don Francisco Agustín Estévez Ávila e Aponte, dono do pazo. 
Este home, debeu ser unha das persoas máis importantes e poderosas do Baixo Miño no século XVII, non podemos precisar cando se fixo co pazo do Ramo, ou se foi el quen o mandou construír. Pero sabemos que antes de nacer el, en Forcadela xa existía pola época da Guerra da Restauración algún pazo, torre ou algún pequeno castelo onde acamparon as tropas durante o longo periplo desa contenda, ¿podería ser está a futura vivenda do señor Ávila e Aponte?
Volvendo ao barrio do Ramo, o pazo atópase nun lugar estratéxico, nun alto con gran visión da vía Tui - A Guarda, sería un excelente lugar para a defensa, estando a beira de fontes de auga natural e con moi bos lugares para cultivar. 
¿Como foi a vida deste home tan poderoso? 
Comezaremos dicindo que Don Francisco Estévez naceu en Tebra, na parroquia de Santa María,o 12 de decembro de 1678, tamén se sabe que figura como veciño en Santa María do Rosal ala polo ano 1731, vivindo na Casona do Bouzada no lugar de Caselas, na xudería de Fornelos.
Antiga Casona do Bouzada - actual Convento de Carmelitas Descalzas
Cónstanos que foi familiar do Santo Oficio, (con documentación deste nomeamento no Arquivo Histórico Diocesano), contaba con títulos de familiar do Santo Oficio da Inquisición, pola suprema e Notario do santo Oficio da Inquisición deste reino, esta información comprobase no seu testamento en 1740.
Nesta última data era veciño da freguesía de Santa María do Rosal na xurisdición da Vila da Garda, tamén se ten información de que foi o recadador de impostos e rendas do Episcopado de Tui. Tense tamén coñecemento de como Don Francisco se fixo ca Casa de Bouzada ou a Quinta-Granxa no foro de Caselas, comproulla ós herdeiros de Don Gregorio de Cea en 1684 por 30 ferrados de millo e unha galiña, con esta compra a Casona pasaría a partir desta data ser a casa da Santa Inquisición no pobo do Rosal. 
Capela do Convento - Fornelos - O Rosal
Os antigos donos, os de Cea eran unha familia da nobreza galega, orixinaria de San Félix de Nigrán, no Val Miñor, con grande influencia na parroquia Rosaleira. 
Desde Tui tamén nos chegan máis informacións de que no ano 1732, o señor Ávila e Aponte recibiu da comunidade dominicana unha sepultura-nicho, a máis da que xa tiña, moi preto desa anterior situada no chan, en agradecemento ó seu altruísta labor en favor do convento. 
Pazo do Ramo - Forcadela
O señor Ávila e APonte tiña diferentes escudos heráldicos repartidos nas súas posesións repartidas polo Baixo Miño, algúns con leves variacións ou brisuras, nos escudos da Bouzada, no Ramo e nas súas posesións en Tui. Brasonando o escudo do pazo do ramo encontrámonos con moitas pistas para a nosa investigación, en primeiro lugar diremos que se trata dun escudo cuartelado, no primeiro cuartel atopamos unha cruz1 da orde da santa inquisición, non segundo cuartel atopamos un castelo, sabemos que estamos ante un castelo polas tres torres que se aprecian non seu debuxo, no terceiro cuartel temos unha ponte2 dun so arco, sumado dunha torre almenada e flanqueada por dúas flores de lis, no último cuartel aparece un aguia3 espraiada, o escudo conta cunha peza máis, un xefe cargado de tres figuras colocadas en faxa.
Escudo de armas - Fonte: Inventario Pazos e Torres 
A figura a destra dentro do xefe é unha pola de oliveira que simboliza a misericordia e a reconciliación dos arrepentidos, no centro do xefe esta unha cruz moi especial simboliza o Lignun Crucis, ou a arbore da cruz, e a representación onde morreu Xesús composto de ramas follas e froitos, e a sinistra do xefe esta a espada simbolizando o poder soberano, e o axustizamento dos herexes de cando en vez, o escudo contén unha cruz da santa inquisición acolada (posta por detrás, mirándoselle os bordos) e finaliza cun helmo surmontado e armado dunha espada a destra e unha cruz a sinistra, o helmo atopase ornamentado cuns penachos.
Lateral do Pazo

Volvemos a vida do señor Avila e Aponte comunícanos que tamén era membro da cofradia de San Sebastián cos seus correspondentes dereitos. 
En 1724 viaxou as Indias, máis concretamente o Perú, para visitar o seu irman, relixioso da orde beneditina de Frai Antonio de Xesús. 
O inmenso poder desta persoa reflexase nos seus moitos bens, unha inmensa fortuna, que posteriormente será repartida nos seus moitos herdeiros. 
Ata aquí chega a primeira parte da historia dos donos do Pazo do Ramo, seguiremos en vindeiros artigos, desde este humilde blogue desexamos a tódolos nosos lectores moi boas festas e Bo Nadal recordade que agora estamos non Instagram: @acervodeforcadela. 

1 -Cruz; Outra hipótese e que a cruz pertencerá a orde de Calatrava, seguindo outras teorías escritas por outras persoas, inda que na súa vida non se conta este aspecto, eu persoalmente non comparto esta teoría. 
2- Aponte ou Ponte; Posiblemente parte do seu apelido familiar posto non escudo en pedra dás súas posesión, un liñaxe de varios séculos de antigüidade, din que poido proceder de Nuño de Aponte capitán de Alfonso II (o Casto). 
3- Aguia; En posición espraiada ( cas as abertas), e uns dous símbolos heráldicos por excelencia, outorgáselle a invención a Carlomagno como símbolo do poder do imperio, non escudo do ramo #podar pensar que pertence ou Reino ou o Imperio Español.

Ningún comentario:

Publicar un comentario