Ola a todos, esta semana estreamos unha nova sección no noso blogue, que no seu nacemento expoñía ideas de como informar e ensinar para así preservar o noso patrimonio, por iso hoxe facemos este pequeno noticiario.
A primeira noticia é unha denuncia aos malos tratos dun dos nosos bens, un dano reiterado no tempo, falamos do noso palco de festas construído en 1978, palco que viu tempos mellores engalanado con centos de lámpadas, desprendendo música para todos os veciños facéndonos rir e bailar, espertando momentos inesquecibles, traéndonos de novo a persoas que agora as levamos nos nosos recordos.
O vandalismo en forma de destrución con golpes e graffitis nos laterais e no anfiteatro do palco e o abandono están a esnaquizalo.
Dende o noso blogue mostramos a nosa rabia ao ver no que invisten o tempo algunhas persoas, pedimos ás autoridades que estean máis atentos á hora de protexer o noso patrimonio, para que non o volvan a facer, e restauren o palco o máis antes posible.
A segunda noticia énchenos de alegría e fai sentirse ben cun mesmo, xustificando todo o que se traballou desde este humilde blogue, que é o que pediamos desde hai tempo, a restauración dun dos nosos bens máis importantes, antes de que se veña abaixo, falamos do lavadoiro do barrio do Ramo, despois de escribir o articulo sobre o lavadoiro no blogue, preguntamos como estaba a situación á comunidade de montes, dixéronnos que falaron coas autoridades e que o concello se faría cargo dunha restauración e o seu posterior mantemento, rogaremos e esperamos que sexa unha boa restauración, non un novo ( ecce homo), conservando a placa antiga de 1951 e o seu estilo do agrarismo galego de principios do século pasado. Este lavadoiro forma parte dos tres que hai na parroquia, estamos contentos pola reparación deste, pero que non se esquezan do de Eidos de Abaixo e o do barrio da Cova.
A noticia saltaba a principios de xaneiro cando na lista de subvencións da Deputación de Pontevedra, patrimonio insuflaba 20.392 euros para a restauración do lavadoiro desde o meu descoñecemento atrévome a dicir que se non serán demasiados euros para un só lavadoiro, con ese diñeiro arranxábanse dous e medio como mínimo. Pero esperaremos a ver os resultados e que quede ben restaurado tanto o lavadoiro, como a fonte e a presa que se atopan a escasos metros.
Fontes próximas ao concello comentábanme que as obras empezarían hai unhas semanas coa retirada das tellas antigas e que máis adiante co bo tempo comezaría a restauración, a día de hoxe esperamos ansiosos todos eses pasos, e iremos informando dos progresos da obra.
Hoxe deixámolo aquí, agradecendo ás autoridades que non se esqueceron de Forcadela, pero que isto ten que ser a punta de lanza dunha maior visión de conservación do patrimonio da nosa parroquia, que só acaba de empezar, como xa dixen nunha ocasión temos historia para dar e regalar e por que todas estas cousas son de sentido común, este blogue participa cun 0,5% de moral nesta restauración por aburrir co tema a persoas e máis persoas. Nós seguiremos ao noso, dar a coñecer a historia e patrimonio de Forcadela alzando a voz contra quen cometa tropelías contra contra o noso pobo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario