"O verán recen comenzado exalta os ánimos dos máis novos. E torna a noite na aldea solitaria, pra ollada cidadá, nunha fermosa festividade de bulicio e alegría. O Miño ao lonxe sumido na súa quietude estival como se o paso dos meses fose deixando nel ano tras ano unha fatiga e un acougo inquietantes, e a muda testemuña destas andanzas, mentras o viño brota das villas nas bodegas e a vexetación privilexiada dunha terra de agua e sol desprende os arrecendos nunha plasmación moi nosa do que puido ser o paraíso. " (Manuel Forcadela 1991)
O desdén da historia dun pobo é o maior dos fracasos como sociedade. Non interesarse polo que se ten nin poñer en valor o patrimonio etnográfico é como perder as túas raíces. Todo o conservado ata os nosos días, son eses escintileos de antigos tempos agora perdidos, son os que nos dan luz ao noso pasado e os gardiáns de antigos costumes, agora xa case esquecidos polo resto da xente. Utilizando esta época dixital e no medio de esta pandemia, nace este blog, coa mellor disposición para sumar o noso pequeno gran de area á conservación e divulgación de todo o que lles pode ofrecer a miña terra, así pois, comezamos e sexan benvidos a Forcadela.

domingo, 10 de abril de 2022

PESCADORES DE FORCADELA - Parte 2

Boas, estamos de novo aquí volvéndonos a mergullar na obra de don Eliseo Alonso, comezamos parafraseando a un gran presentador de televisión, e seguindo a temática deste artigo diríamos: “Sexan benvidos un sábado máis a nosa chalana da historia, navegando polo vello Miño que nos leva a outras épocas, lugares, e a coñecer a persoas que xa non están con nos, en definitiva, a seguir coñecendo as lendas e o patrimonio da miña terra.”
Praia de Maceiras
Don Eliseo trasládanos a outra época fálanos das pesqueiras de sabalos, no Miño alá polo ano 1780, a misteriosa frota negra (portuguesa), e cóntanos canto era a máxima profundidade do río, de 17 ou 18 metros de profundidade na altura da Atalaia, e no Castelinho enfronte Goián, centrándonos no que a nós nos interesa seguimos en Forcadela co lanzado dos alxerifes, a sacada e o trasmallo, as quebradas dos pescadores que pescaban o sabalo ou salmón, ata que como se dunha profecía tratásese, cando ves os tres saltos fora da auga, alá polo mes de xuño, a lisa anunciaba o final das pescatas, seguindo o refrán: “xa apareceu a taiña, vaiche de resto a pesquiña”. 
A terminación da época de pesca celebrábase facéndoas coincidir con algunha festividade dos pobos como San Gregorio, Santo Antonio etc.., estas festividades estaban pagadas polas quebradas dos pescadores, organizando un bota fora no que o prato típico eran os touros fritos dos últimos sabalos, como postre un caixón de rosquillas, figos e pasas, claro esta todo isto con abundante viño. 
Polas mesmas datas e o acabar a tempada, poxábase polo alxerife, e o que quedaba con el buscaba os carteleiros para a próxima tempada, tamén poxábase polo barco, e o final de cara a repartición, sendo o depositario un dos integrantes da quebrada, polo xeral (o patrón), “se a alguén o votaban fóra el recibía a sexta parte o día de tódolos Santos, e se ese día andaba escapado ou non o atopaban no día, xa non recibía o diñeiro e tampouco o podían botar fóra”., (Juan Cal, pescador de Forcadela), nos casos que houbese que partir as redes en anacos, as cordas empregábanse para amarrar feixes de herbas e atar as vacas. 
Carteleiros -  Fotografía de E. Alonso
As pesquerías de sabalos eran as máis visitadas e populares por parte da xente da ribeira, cando retumbaba o trono de maio, no medio da labranza, os homes baixaban ao río e así ata o próximo ano, as quebradas de pescadores transfórmabanse en quebradas de labradores, volvendo os campos de millo e viñas, mentres que outra cuartelada de mariñeiros, íanse coas súas gamelas para pescar na mar. 
San Pedro de Forcadela era un importante núcleo de pescadores repartidos dende o Porto do Carballo e o Porto dos Ribeiros ou Ribeiro, outro porto nesta zona é o que estaba en fronte de Forcadela  que era o Porto de Duarte (Portugal). 
Nestes portos os alxerifes máis antigos facíanos os mesmos pescadores, posteriormente xa comprábanse as redes na Guarda, pero os primeiros conservaban o arte de entiritar, mallando casca do salgueiro nunha pica de pedra, igualmente servía a entrecasca do carballo, unha vez seca a cocían en alambiques como se faia en (San Miguel de Tabagón). 
O alxerife - Fotografía de Eliseo Alonso
Hoxe un par de curiosidades que nos deixa Don Eliseo, e que se collían máis de 10 sabalos nun lance chamábase de misa ou promesa e polo costume regalábaselle ao abade. 
Outra curiosidade que coincide cun dos nosos primeiros artigos escritos, (como o que falaba sobre a etimoloxía de Forcadela), é un tipo de barco un pouco maior ao normal de pesca, posiblemente orixinario e que se construía no propio pobo de Forcadela chamado co mesmo nome. 

Terminamos dicindo que os nosos dous portos se rolaban, así a quebrada de Vilar de Matos, que ía dende o Carballo ata Maceira e a do Ribeiro igual e viceversa, tornándose igualmente, en 1926, en Forcadela había dúas quebradas nocturnas, que pescaban con alxerifes, aínda que o seu numero de barcos era menor polo día, despois da prohibición aínda seguiron pescando algún tempo máis. 
De momento, deixámolo aquí, rematamos a segunda parte, dedicada ós pescadores de Forcadela e aos coñecementos que non nos resignámonos a esquecer, por iso damos as grazas, por tódalas informacións ó mestre, o próximo día remataremos esta triloxía de artigos, cas lendas sobre o vello ou o pai Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario