Ola a todos, estamos de volta para terminar de falar sobre o libro de Don Eliseo, que ultimamente estamos a tratar, e descubrindo tódolos seus segredos, sobre todo os que falan da nosa terra.
Neste último episodio sobre o libro, trataremos o lado máis sobrenatural, o máis misterioso e no que brilla máis a fe en crenzas tanto relixiosas como pagás, en definitiva o mundo máxico das crenzas da xente pescadora, e tamén da xente da ribeira.
Unha das lendas máis arraigadas do río e a que Don Eliseo detalla con todo luxo de detalles e informacións, a lenda leva por titulo “Cada remadela, sete leguas”, unha lenda de bruxas.
A lenda esta relacionada cos barcos e as bruxas, sábese que de igual modo, cóntase unha historia moi parecida no tramo do río Cávado a 81 km de Forcadela, no norte de Portugal, hoxe contaremos a historia en galego como lla contaron a Don Eliseo.
“O barco", así comezou o narrador, -nunca estaba como o seu patrón, "O Xordo”, o deixaba no amarradoiro no coto de Forcadela, desaparecía polas noites coma por encantamento, na véspera de San Xoán o barqueiro resolveu esconderse na secreta ata a chegada da noite.
Foi nese intre, cando alguén forzou o cadeado, e parecía que era un home, e unhas cantas mulleres, logo comprendeu que o barco estaba non dominio das meigas, xa ían río abaixo e o pasar a barra ouviu o que dicían: "Chéirame aquí a home vivo”, “deixa ir a quen vai”, respondeulle outra, que era a sobriña do barqueiro.
“Xa non había dúbida”, dixo o narrador, -que eran a bruxas ao mando do seu señor, o cornudo cabrón, navegaron moito tempo, repetindo sempre aquilo de “cada remadela sete leguas”, ata que o barco atracou nunhas illas de palmeiras e bananas, alí bailaron en coiro non areal, o barqueiro xordo viu que moitas daquelas persoas eran as súas veciñas.
Na mentres o bailarico, seguía arredor do cornudo, resolveu cortar unha palma e esconderse de novo no barco, cando viñan de volta, as bruxas descubrírono, pero el fíxose o durmido e a súa sobriña opúxose a que o lanzasen o mar, chegaron de novo o coto de Forcadela e soubo que aquela palma era das illas Canarias, a onde as bruxas o habían levado. Logo o día da festa presentáronse todas levando a súa palma na lapela.
Para demostrar que non ía durmido e que sabia tudo, as bruxas empeñáronse en regalarlle un chaleque, pero o desconfiado púxollo o can, quen saíu a correr ouveando e afogándose na barra …, paréceme que tudo isto, non pasa dunha historia….” rematou dicindo o narrador “.
Outra lenda di que se a bruxa baixaba o río cando saían varios barcos, e entre eles un non pescaba, a bruxa mandaba facer un defumadoiro con herbas de San Xoán, trazando cruces sobre a rede.
Outra lenda é que se en Forcadela a rede non pescaba repetidamente é que estaba enmeigada, entón nunha encrucillada lle daban unha tunda cun pau de buxos barbeiros, mentres lle gritaban á bruxa que crían que estaba dentro da rede: "Ah, desgraciada, toma , toma , se no río a rede flotaba, é que a bruxa permanecía dentro, e volvían golpeala gritando: ”sal de aquí, filla da puta”.
As voces dos vellos pescadores de Forcadela tamén nos contan que dentro dos pandullos do barco puñanse: ruda, allos, cornos e cruces de Caravaca a parte de todo o que lles podería traer sorte.
Tamén contan que en Forcadela os pescadores levaban como amuletos os cornos de vacaloura ou (cervo volante), dentro do barco para ter boa sorte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario