"O verán recen comenzado exalta os ánimos dos máis novos. E torna a noite na aldea solitaria, pra ollada cidadá, nunha fermosa festividade de bulicio e alegría. O Miño ao lonxe sumido na súa quietude estival como se o paso dos meses fose deixando nel ano tras ano unha fatiga e un acougo inquietantes, e a muda testemuña destas andanzas, mentras o viño brota das villas nas bodegas e a vexetación privilexiada dunha terra de agua e sol desprende os arrecendos nunha plasmación moi nosa do que puido ser o paraíso. " (Manuel Forcadela 1991)
O desdén da historia dun pobo é o maior dos fracasos como sociedade. Non interesarse polo que se ten nin poñer en valor o patrimonio etnográfico é como perder as túas raíces. Todo o conservado ata os nosos días, son eses escintileos de antigos tempos agora perdidos, son os que nos dan luz ao noso pasado e os gardiáns de antigos costumes, agora xa case esquecidos polo resto da xente. Utilizando esta época dixital e no medio de esta pandemia, nace este blog, coa mellor disposición para sumar o noso pequeno gran de area á conservación e divulgación de todo o que lles pode ofrecer a miña terra, así pois, comezamos e sexan benvidos a Forcadela.

sábado, 6 de xullo de 2024

Entrevista con Emilio Estévez Martínez

Saúdos compañeir@s buscadores de anacos da nosa historia. Continuamos ca sección de entrevistas non noso blogue. É un pracer ter hoxe con nos a unha persoa que na súa obra entrelaza historia e narrativa profunda. Él lévanos a coñecer momentos aos que todos chegamos nas nosas vidas, así como a cales serían as nosas respostas ante o descoñecido, os nosos medos, o amor, etc. En definitiva, os misterios da vida. É capaz de facernos visitar o Tui do século primeiro e transgredir o tempo facéndonos participes de todo o que implica aos especiais anos oitenta e principios dos noventa. 
Este autor nace en Tui a principios dos anos 70. A súa primeira obra o “Báculo de San Epitacio”, é un libro que che atrapa dende o seu inicio ata o final. Él é director xerente, vicepresidente da Cámara de Tui, profesor, investigador e escritor. Estamos a falar de Emilio Estévez Martínez. 
Entrevista
Boas Emilio, primeiramente darte as grazas polo agasallo en forma de guión da túa primeira obra na que comprobei ou teu gran don para a novela histórica. Tamén polas veces que colaboraches dende a sombra neste blogue achegando coñecementos e ideas. Así pois, dende este humilde blogue moitas grazas de novo, como xa sabes, Forcadela pertenceu en varias ocasións ao longo do tempo a Tui . O fin e o cabo é bo coñecer o pasado dos que nos rodean por que a historia sempre acaba entrelazándose. 
Emilio, ¿que recordos de xuventude tes de ese Tui de mediados dos anos 70? 
Bos días, gracias a ti por facer este blog, que tanto ben fai á recuperación da fabulosa historia da nosa comarca. Para comezar faríate unha pequena apreciación: Non é que Forcadela pertencera a Tui, senón que Forcadela era unha parte de Tui. Os habitantes desta zona poden estar tan identificados cos importantes feitos históricos de Tui, coma os habitantes do propio centro urbano. Tui chegaba ata aquí e o seu centro variou en distintos séculos. Estivo en Pazos de Reis, no Aloia, en San Bartolomé de Rebordáns, na zona do alto dos Cubos, perto de Randufe. Hai unha grande historia desta diócese do século I, capital do reino de Galicia, capital de Provincia e mesmo capital visigoda de Witiza. Penso que os habitantes de Forcadela poden sentirse, porque o son, herdeiros destas historias, coa mesma lexitimidade que un habitante dunha rúa céntrica de Tui. 
Sobre os setenta… O primeiro é pensar que xa nos vamos facendo maiores… A xente, te pode dicir que foi unha época de seguridade nas rúas, de xogar ó aire libre en tardes eternas, de familia extensa, onde primos e veciños entraban na casa de forma cotiá, a época da chegada da democracia e a liberdade, a época de ver todo o mundo os mesmos programas de televisión e tertuliar todos sobre o mesmo, os guateques… Iso, o bo. O malo as drogas, que se popularizaron e acabaron sendo unha desfeita. Pero eu digo algo máis: 
Foi unha época de esperanza e potencialidade. Todos críamos que o futuro persoal e colectivo podía traer grandes cousas. Agora non hai esa sensación. Non recordo unha época de mellores sentimentos colectivos, en cuanto a ollar o futuro con esperanza, coma os setenta. Penso que esas boas intencións fixeron que nas seguintes décadas, o noso pais mellorara moito. Agora, en cambio, vivíndose moito mellor, a xente vive no desánimo. Eu reivindico o “bo rollo” e a esperanza colectiva dos setenta, como a mellor forma de encarar o século XXI. 
Seguro que tes lugares especiais que visitabas con frecuencia nesa etapa, ¿cales son os que volverías visitar? 
Eu teño tres lugares “fetiche” onde síntome ben, simplemente con estar. Á beira do Miño en Tui, o Aloia e a praia da Ribeira en Baiona, na mítica Erizana. Penso que este blog, centrado en Forcadela, pode falar tamén do resto da nosa comarca. Baiona xa é Val Miñor, pero si quero comentar, que estas dúas comarcas xuntas. O Baixo Miño e o Val Miñor conforman un dos recantos máis fermosos da terra. O penso co corazón, pero tamén ca razón. 
¿Cómo recordas a túa etapa escolar? ¿E a túa escola? ¿Podes describir un día normal nela? 
As clases tiñan máis de trinta alumnos, e penso que os profesores ás levaban ben. O ambiente escolar era coma o colectivo de esperanza. Xogábase moito… O trompo, a goma, con cromos, á pelota, o xogo estrela eran as canicas. O mellor era a sensación de seguridade na rúa e de xogar con calquera neno da túa idade que toparas. Era fácil facer amigos. Logo nos oitenta a prata nas olimpiadas dos Ángeles e Jordan provocaron un “boom” polo baloncesto, que se viviu moito na escola. En Tui, a medalla olímpica de Miguez nos fixo mirar máis cara ó noso querido Miño. O tema das drogas arruinou a sensación de seguridade, pero estas cousas xa foron os principios dos oitenta. 
¿Cando desperta a túa paixón pola escritura? 
Polo meu pai. El é un home culto, capaz de falar latín e lector insaciable. Dende neno aprendín del a soñar ca lectura, a viaxar a mundos que existen e a outros que non. Un brindis polo meu pai. Manuel Estévez Lorenzo, profesor de matemáticas, adestrador de xadrez e catequista de centos, poida que miles de nenos en Tui. 
¿Lembras algún conto ou lenda da zona de Tui que aprenderas de neno ou posteriormente na túa labor como investigador?

Sen dúbida, é apaixoante a Figura de Epitacio de Plasencia. Bispo no século I, con San Xoán aínda vivo, é un dos poucos personaxes históricos que aseguran ter visto en Galicia a Santiago apóstolo. Penso que se centra moito o debate histórico, en saber si a tumba do apóstolo está en Compostela. Pero, para nos, hai un debate máis interesante e mesmo máis verosímil. ¿Pasou por Tui? ¿ Santiago nomeou directamente bispo a Epitacio de Plasencia? Este personaxe e o centro da miña primeira novela: “El Báculo de San Epitacio”. É unha novela sobre dous mozos, que percorren a nosa comarca en busca dos restos arqueolóxicos do Santo. Para Susana, a protagonista, que non é de aquí, supón unha experiencia que lle cambia a vida. Quizais me paso de orgullo local. Pero si que penso realmente, que esta comarca e as súas boas xentes te cambia en positivo. 
¿Dáste conta dalgún acontecemento histórico no concello de Tui que fora esquecido no tempo e mereza ser lembrado, posto en valor ou investigado? 
Sen dúbida… A corte de Witiza é clave na historia de España. Clave a guerra civil visigoda entre Witiza e Rodrigo, clave que a corte de Witiza estivese aquí, isto permite pensar que quizáis, nalgún momento puntual, Tui fose sede da corte, ou sexa capital temporal da España visigoda. E a presencia, coma nobre ó servicio de Witiza, do pai de Don Pelaio, nos permite intuir a presencia do primeiro Rei de Asturias na nosa cidade. 
Para concluír a entrevista, ¿poderías facer un breve resumo da túa segunda obra para os nosos seguidores? Permítome proporte a idea de que inclúas a Forcadela na terceira...
A miña segunda novela, escrita en galego, está terminada na súa primeira fase, pero agora toca unha relectura pausada, e mesmo reescritura dalgunhas partes. É novela propiamente histórica, onde unha parte do relato é nos nosos días e outra no século XI, onde un culto neniño de Tui pretende salvar a cidade da terrible invasión de Olaf o Viquingo. Esta invasión foi real e foi un xenocidio, que arrasou a cidade e matou a maioría da poboación. Foi un retroceso para Tui, que estaba destinado a ser unha capital Atlántica de primeiro nivel. A cidade tarda varias xeracións en recuperarse, ata que o rei de León constrúe a cidadela que hoxe coñecemos. 
Me comprometo a, nesa reescritura/corrección na que estou inmerso, citar a Forcadela.

Emilio Estévez Martínez


sábado, 6 de abril de 2024

O Baixo Miño (Forcadela) na Guerra dos Dez Anos [1703 - 1713]

Hoxe tentaremos facer unha aproximación histórica de Forcadela na Guerra dos Dez Anos no tempo que vai dende 1702 -1703 ata o redor de 1713, neste momento histórico de gran relevancia para o Baixo Miño estivemos baixo as ordes de Felipe V, e cos seus problemas ou “guerras", nese momento o máis importante era o da gran alianza ou tamén chamada cuádrupla alianza que consistía na alianza de (Inglaterra, Holanda, Portugal e Austria), e os problemas eran moitos, de verdade que sí. 
Fortaleza do Castro (1703 - 1713)
 Principal base de Felipe V no Baixo Miño
Nese decenio os problemas tiñan nome de mentiras medias verdades e escaramuzas militares isto serviu para que as antigas milicias profesionalizáranse en terzos posteriormente, suponse que moitos veciños se alistaron uns poucos voluntariamente e bastantes máis con levas forzosas, nunha poboación molesta e incomoda despois de tantísimas promesas rotas. 
Túneles da Fortaleza do Castro (1702-1703)
Os pobos e cidades ó longo da raia miñota estaban representadas na xunta do Reino de Galicia, dende se abordaban os numerosos problemas, facendo unha pequena especulación responsable podemos dicir que moitos dos nosos veciños pertencentes ás milicias de Forcadela (os que vixiaban nas garitas e nos fachos e puntos de interese), formaríanse co paso do tempo en soldados do terzo de Tuy, nese momento estarían mellor pagados e máis profesionalizados, suxeitos a ordes e regras que máis tarde se romperían unha e outra vez, como a de non saír fora de Galicia a loitar noutros lugares ou territorios que dende Madrid pensaban que eran máis importantes. 
Fronteira da Guerra nesta época  (Praia de Forcadela)
Os novos terzos moveríanse moito por toda a Cunca Miñota, despois do ataque Anglo holandés a ría de Vigo e ante a clara amenaza da guerra con Portugal, a comezos do verán de 1703 o Capitán Xeral de Galicia recorre portos, lugares de interés y defensas, é moi posible que cruzara Forcadela na súa visita a Tuy, A Guarda, Goián, etc., o Capitán Xeral o duque de Híjar establece o cuartel xeral en Tuy, onde recibiría a declaración de guerra oficial con Portugal en maio de 1704. 
Mapa militar da época (1726) 
Fonte: Biblioteca da Defensa
A xente nese momento creía que estes recorridos que faia o duque, producían mais estragos que os ataques do inimigo ata ese momento, as extensas fronteiras da guerra nese momento móstranos que o río Miño era a mellor vía de comunicación en tempos de paz, pola lingua, costumes, ó longo e ós lados da fronteira, pero o lugar máis difícil de traspasar en tempos de guerra. 
Por informacións encontradas en documentos da época podemos dicir que Forcadela nesta época pertence ao Cabildo de Tui, que en maio de 1703, xa existe o barrio do “Ramo”, o abade da nosa feligresía, era un tal licenciado Esteban Amoedo, e moi posiblemente o sarxento de Milicia de Forcadela, sería un tal Juan de Paredes. Estes datos foron gracias a tradución dun documento por parte de Manuel Estévez Lorenzo. 
Documentación do ano 1703
Hoxe deixámolo aquí, esta é a primeira parte da aproximación histórica a esta época escura e pouco tratada que hoxe presentamos. Seguiremos indagando e presentándovos misterios e segredos, un saúdo.

sábado, 9 de marzo de 2024

Cruceiros no Ramo - Parte 1

O acervo de Forcadela sempre volve, por que foi e sempre será un dos nosos compromisos; despois dunha longa parada técnica no garaxe, volvemos cas pilas cheas. Igual co ave fénix rexurde unha e outra vez máis forte e radiante, tentarémonos seguir dando un pouco desa luz aos segredos e misterios do patrimonio da nosa parroquia. 
Anteriormente na nosa última parada estivemos no Cruceiro de Vilar de Matos, hoxe no percorrido dos nosos cruceiros seguiremos polos restos do antigo camiño real, que vai paralelo á estrada xeral, outrora un fermoso piñeiral agora xa non queda nada deses tempos, o rematar o camiño, este lévanos ó barrio do Ramo, cruzando a estrada polo lugar chamado "A Rega", pola antiga bagoada que había en tempos agora xa tapada, despois de sucesivos recheos. 
Situación do antigo piñeiral
Subimos a costa divisando de lonxe o pazo dos Candeira o como se lle coñece agora coma a quinta do Ramo, neste momento cruzámonos cos últimos restos de bosques de sobreiras, esperemos que algunhas destas sobrevivan ata que poidan ter a distinción de árbores senlleiras, porque algunha delas de verdade que son moi fermosas. A nosa esquerda ollamos o futuro pulmón verde da parroquia, alégrome moito, unha pequena fraga de carballos e castiñeiros para o desfrute dos veciños, moitas grazas á Comunidade de Montes de Forcadela.
Subida ó Ramo dirección Pazo dos Candeira
Xusto despois de deixar atrás os terreos comunais viramos á dereita por un pequeno e sinuoso camiño que me devolve a miña xuventude, cando baixabamos e subiamos por el, para atallar cas bicicletas que tiñamos, cando íamos xogar ó fútbol no torreiro da igrexa, ó final deste camiño había unha pequena costa, que nos leva de cheo o cruzamento de camiños do alto do Ramo, dende alí divisamos unha fermosa paisaxe, e contemplamos todo un pequeno val. 
Antiga arboreda de sobreiras
Xa estiveramos por aquí cando falamos do lavadoiro do Ramo, en artigos anteriores pero hoxe parámonos, para darlle o tempo que se merece, presidindo este val dende hai varios séculos temos o noso carón o cruceiro do alto do Ramo, nesta encrucillada podemos distinguir dous camiños importantes, e outro un pouco menos, pero máis divertido, se o baixabas en bicicleta. 
Lugar da Rega -  Futura fraga da parroquia
O camiño cara o suroeste, que pasa polo lavadoiro e a fonte do Ramo e que máis adiante está xa a igrexa de Forcadela, e logo esta o camiño dirección oeste, este vai cara Vilar de Matos, e pasaría polo cruceiro que estudiamos anteriormente. 
No análise deste cruceiro podemos dicir que conten unha plataforma cuadrangular de granito do pais, cos seus bordos de aresta viva un pouco biselados e de boa factura a pesar da erosión do tempo, parcialmente oculta pola vexetación, nas fotos antigas si que se aprecia ben, a seguir unha base monolítica, coma no caso dos dous analizados anteriormente, adoita ser a regra xeral nos cruceiros da parroquia, de momento non observamos datas de construción nin debuxos ornamentais. 
Un dos cruceiros do alto do Ramo
O seu fuste é monolítico, liso sen acanaladuras e un capitel cuadrangular cas arestas rebaixadas pero liso no resto da súa obra, sen máis marcas que rexistrar. 
Un análise máis detallado podémolo atopar no estudo de 1998 feito por Félix Loira e Estanislao Fernández da Cigoña Núñez, cóntanos que non conten chanzos de sustentación e que conten dúas pezas ben diferenciadas as súas medidas son de alto 2,36 m, de alto 1,09m de envergadura e o perímetro chega aos 70 cm, nesa época tampouco atoparon o ano de construción nin epígrafes pero resaltan o seu bo estado de conservación apuntan sen sinais de devoción. 
Discrepo nese último apuntamento, xa que en varias ocasións ó longo do ano atópanse flores na súa plataforma e velas ó carón da súa base, ata aquí a roteiro de campo de hoxe, o seguinte cruceiro que visitaremos será o do barrio dos “Cruceiros”. 
Como último apunte, situados ao carón deste cruceiro démonos conta e sorprendeunos a imaxe que se erguía uns metros máis adiante entre as árbores, "un novo cruceiro", quedamos abraiados, tentaremos falar co dono haber se nos deixa investigalo, xa estamos ansiosos por volver, un saúdo e vémonos non seguinte artigo.

sábado, 25 de febreiro de 2023

Cruceiros en Vilar de Matos - Parte 2

Ola a todos, seguimos o noso roteiro dos cruceiros da parroquia, camiñando moi preto do río, e de momento por baixo da liña da estrada, a nacional 552, deixando atrás o río Vilar de Matos, onde foi a nosa última parada, desprazámonos dirección Este, pasando a subida do empalme e finalmente chegando ao cruzamento de camiños á beira do antigo restaurante Miñoteiro. 
Cruceiro na encrucillada de camiños en Vilar de Matos
Neste punto uníanse e únense varios camiños como o que baixa desde San Benito, os camiños que van paralelos ao río, de épocas remotas posibles camiños secundarios, da Vía Per Loca Marítima xa nomeada en artigos anteriores, que van dirección ao barrio do Ramo ou a Sobrelaveiga e a estrada xeral que os cruza a todos eles, neste gran cruzamento de camiños está este cruceiro chamado en case todos lados consultados como o de Vilar de Matos. 
Na análise deste cruceiro comezariamos pola súa plataforma cuadrangular dun só chanzo de granito do país, esta parte do cruceiro esta semienterrada por estar nunha pendente do terreo, polos sucesivos arranxos da estrada que subiron o nivel desta, e tapando progresivamente a plataforma, nos remates do chanzo da base podemos observar que o seu bordo esta liso, tamén diremos que é a parte que máis cambios sufriu da súa historia, está chea de reparacións obsérvanse parches de cemento e formigón.
Detalle da base do Cruceiro
Constatamos polo menos un incidente cuns turistas de viaxe que quixeron agarrarse ao cruceiro para facerse unhas fotos e este derrubouse sen causar danos persoais, isto ocorreu entre os anos 60 e 70, non podemos precisar máis, a parte deste suceso temos constancia de que un camión que chocou rozando con él, e despois disto colocáronse as pedras que o flanquean nas súas catro esquinas a modo de protección. 
A súa base é monolítica dun tamaño similar ao anterior cruceiro que vimos, non consta ningún elemento ornamental nin tampouco algunha inscrición, pasamos ao fuste nesta parte diremos que tamén é monolítico de sección cuadrangular cun único debuxo xeométrico, un pequeno suco ou acanaladura nos dous lados do fuste que percorren paralelamente o debuxo da cruz. 
Cruceiro diante da antiga tenda da Pura
Para ir terminando constataremos que non contén capitel, e que o fuste da paso á cruz formando unha cruz de sección cuadrangular simple pero esvelta e de lados biselados. A cruz ten unha altura de 2,10 metros aprox., contando con 88 cm a súa envergadura, e o perímetro no pé de 64 cm.  Pode ser que a cruz perdese a primitiva parte superior, xa que dende o pé advirtese dúas liñas verticais pero por contra no traveseiro e testeiro son completamente lisos. 
Detalle dos surcos no fuste
Este cruceiro gardarase para el, miles de historias de todos os veciños que por alí pasaron algunha vez, miles de tardes onde se xogaba ao futbol aos seus pés, nenas e nenos apartabámonos ao ver vir os coches e logo seguiamos xogando ata que o balón perdíase nos campos ou se facía de noite e escoitabas á túa nai gritar o teu nome ou uns asubíos que xa sabias que era o teu pai dicindo que xa estaba ben por hoxe. 
Non podo deixar de nomear e lembrar que á beira do cruceiro había un lugar case místico ou iso pensaba eu na miña infancia por aquel entón, a tenda da señora Pura, polo día era unha tenda de ultramarinos, collíase o pan, pemento , froita, logo a parte tiñas limpa botellas, pinzas ata balóns de fútbol, era unha desas tendas que tiñan todo o que che facía falta nos seus andeis case lendarios, nunha parte da tenda facíase de tasca onde os maiores do lugar tomábanse uns viños acórdome que se poñían a modo de picoteo os cacahuetes máis grandes que eu xamais vin, charlaban discutían e ata cantaban, pero o mellor dábase na época estival co bo tempo e as noites estivais sentaban nunha mesa na entrada e alí xuntábanse xentes de lugares dispersos desde a Garda a Tui, desde pescadores, garda civís, músicos cazadores xentes do pobo e ata turistas que volvían ao pobo no verán de vacacións e calquera persoa que pasase pola estrada xeral. 
Hoxe deixámolo aquí reclamando ao concello o arranxo e protección deste cruceiro para que poida seguir contando mil historias máis e esperemos que ningún outro turista ocórraselle derrubalo.

domingo, 12 de febreiro de 2023

Lavadoiro do Ramo 2.0

Ola a todos, hai uns meses falabamos neste blogue dunha noticia que chegaba aos nosos oídos, a restauración do lavadoiro do barrio do Ramo, encheunos de ledicia, xa que aquí tratamos os problemas que sofre o noso patrimonio, moitas veces levámonos penas e tristezas ao contemplar o estado destes elementos, pero ese día foi diferente coa esperanza de que esa obra se fixese o máis axiña posible, pechamos aquel artigo cun sorriso de lado a lado. 
No mes de marzo do pasado ano 2022, comezaron a retirar a antiga cuberta, que xa contiña varios ocos entre as tellas, algúns deles de certa importancia, posteriormente procederon a retirar as grandes vigas de madeira con máis de medio século ás súas costas, todas elas feitas de madeira de carballo. Seguidamente centrouse o traballo nas paredes revestidas de antigos ladrillos. Por certo, neste punto vou abrir un inciso, é dicir, que creo que foi un total desacerto non respectar o que quedaba da antiga placa da restauración de 1954, pois na miña opinión poderíase volver a colocar nalgún recuncho da nova obra ou doala a algunha asociación veciñal, gardala para un futuro museo de Forcadela, etc., habería mil e unha posibilidades, pero viuse máis como un só traballo de reforma e non contou posiblemente co agarimo suficiente cara ás cousas antigas e o patrimonio do pobo. 
Lavadoiro do Ramo a setembro de 2022
Cando se acabou de retirar todos os cascotes da obra empezaron a rexuntar a antiga parede, do muro ao lado dereito, un antigo muro de cachotería de pedra de perpiaños do país que á súa vez fai de muro de contención coas viñas da familia Mariño. 
Para a reconstrución ao lado esquerdo do lavadoiro optaron por grandes laxas de pedra, e non por seguir co antigo muro, (moito máis bonito), o que non sei, se isto foi debido ao presuposto ou ao tempo, na miña humilde opinión: só foi porque daba algo máis traballo. Entre os meses de marzo e abril a obra parouse unhas semanas pero en maio e xuño puxéronse as vigas novas coas novas tellas do país cuns tons de cores variadas tirando a pardas, acabouse de rexuntar todas as paredes e quedou á espera dos últimos detalles, como a porta para o acceso dos veciños ,o punto de luz e por último a placa que lle puxeron na viga frontal, concluíndose o traballo sobre o mes de setembro. 
Interior do Lavadoiro
Agora temos o lavadoiro reconstruído, para o goce dos veciños e de todas as persoas que camiñen polo barrio do Ramo, terán que ser estes últimos quen xulguen se valeu a pena ou se se puidese mellorar, eu, non o sei, teño ideas atopadas é certo que non teño idea de como vai a política nestes casos, quen dá as ordes e quen paga estes contratos, pero creo honestamente que coa subvención que chegou para esta obra puidéronse facer dúas ou tres cousas máis que lle darían unha mellora á obra e ó barrio. 
Nova Placa do Lavadoiro do Ramo
En primeiro lugar, arranxar e arrombar o nacemento da fonte e a presa que están a uns metros máis arriba e abaixo do lavadoiro, un panel informativo en condicións, ensinando un roteiro de lavadoiros da parroquia, a historia do lavadoiro e os seus costumes, son algúns pequenos reproches que lle podemos facer ás autoridades, despois disto, só podemos agradecer por impulsar a obra e que non se esquezan que temos outros dous lavadoiros en Eidos de Abaixo e no barrio da Cova que merecen a súa atención.

sábado, 26 de novembro de 2022

Cruceiros en Vilar de Matos - Parte I

Hoxe comezamos a escribir sobre outra clase e variedade do noso patrimonio, que aínda non tocamos no blogue, e que está catalogado a medias, na nosa parroquia. En todos os libros de documentación sobre as cruces e cruceiros de Forcadela consultados démonos conta que ou ben faltan algúns en certos libros, ou noutros casos confúndense con cruceiros de barrios limítrofes que non son propios de Forcadela, e por desgraza faltan outros que nunca foron documentados.
Empezamos de aquí en diante un novo traballo de campo e documentación, para tentar facer o máis amplo, novo e actualizado traballo de etnografía sobre as cruces e cruceiros da nosa parroquia, entramos en materia, como saberedes todos por Forcadela pasaba o antigo camiño real ou verea vella como o chamaba o gran autor X.M Tamuxe nas súas obras.
Restos do antigo Camiño Real
Se nos fixamos aínda podemos ver algúns anacos desta antiga vía, en barrios como no lugar da Ponte ou en Vilar de Matos. Este camiño real que case seguro copiaba e seguía os antigos camiños romanos que existían anteriormente. Nestas vías Romanas, que cruzaban a nosa parroquia de norte a sur, ramificándose nalgúns camiños máis pequenos puntualmente, é aquí, tanto nos cruces de camiños ou ó paso deles onde podemos atopar as cruces e cruceiros. 
¿Que son os cruceiros?, son un tipo de arte popular, pétreo de tinte relixiosa, que nace ó redor do século IV a.c, chegando a Galicia sobre o século XVI. Pódense atopar ao longo de todos os pobos, Forcadela non é unha excepción, en gran parte debido á nosa forma de ser e os nosos costumes acabáronse adaptando moi ben á nosa terra. 
Cruceiro na Ponte do río de Vilar de Matos
O primeiro cruceiro que catalogaremos esta no barrio do Ferreiro seguindo as indicacións de algúns veciños, inda que outras persoas dinnos que pertence a Vilar de Matos, o que si sabemos e que ao pasar o camiño da Ponte sobre o esteiro de Vilar de Matos agora mal chamado Río Pego, este cruceiro protexía o antigo cruzamento de camiños que transitaba ata a Torre de Goian e accedía a estrada vella que discorre moi preto da que vemos hoxe en día, este cruzamento de camiños desapareceu coa concentración parcelaria. Como anécdota os veciños contan que por ese cruzamento de camiños pasaba a antiga dilixencia que ía desde a Garda a Vigo, facendo parada na antiga taberna da Señora Vicenta. 
Este cruceiro sufriu un gran numero de incidentes, ata o seu actual estado cunha restauración feita por algúns veciños, está uns metros á beira, do seu sitio orixinal, estivo cuberto de terra e maleza, tamén de auga sendo testemuña muda das históricas crecidas de rio Miño ao longo dos últimos séculos servindo como lugar de medida destas grandes catástrofes. 
Describiremos o cruceiro da ponte do río de Vilar de Matos, dicindo que esta construído por completo en pedra de granito, conta cunha plataforma cuadrangular dun só chanzo en aresta viva e non contén ningunha inscrición, séguelle unha base monolítica, esta parte si que contén algunha inscrición en varios dos seus lados, aínda que moi desgastadas podemos ler: "mandou facer" nun lado e noutro a palabra "Xesús". Despois vén o fuste ou varal todo liso de sección circular contendo no seu parte inferior un imoscapo con relevos rectangulares, conta cun capitel esférico de bordos lisos ornamentado con varias espirais e no medio delas catro anxos ou querubíns, acabando o cruceiro nunha cruz recta de sección cuadrangular. 
Detalle da base con inscricións
Este cruceiro está moi activo a día de hoxe, é raro non atoparnos con ofrendas na súa base ao seu paso por el , a fe dos veciños demóstrase coas flores que aparecen na súa base. 
Detalle do fuste e mailo capitel
Como peche ao artigo de hoxe, direi que como anécdota persoal recordo as grandes inundacións dos anos noventa onde a auga cubríao todo, chegando ata a estrada xeral, os amigos do barrio do Cotro e Vilar de Matos daquela época xuntabámonos, achegándonos en bicicleta ata onde nos topabamos coa auga, entón collíamos unha pequena balsa inchable que non me acordo de quen era e facíanse pequenas viaxes nela pasando por encima das canas do millo e os campos, pasabamos á beira do cruceiro semisumerxido, esa imaxe quedou gravada na miña mente, as trasnadas e aventuras de mocidade, hoxe deixámolo aquí, o noso seguinte paso será ir un a un descubrindo todos os cruceiros da parroquia.

sábado, 6 de agosto de 2022

CONVERSAS - Luís Argibay

Ola, benvidos, neste blogue tratamos de cumprir as pequenas cousas con que nos comprometemos así que hoxe toca, para cerrar estes artigos sobre a historia dos pescadores do Miño creo non hai mellor forma de facelo que cunha entrevista a un deles, eses grandes lobos de río, persoas que coincidiron en vida con Don Eliseo transmitíndolle os antigos costumes e historias.
Falamos claro está, de D. Luís Argibay Martínez, atopámolo en primeira plana na portada do libro de D. ELiseo. "Pescadores del Río Miño - Tramo Galego Portugués", acompañado os remos polo gran "Pepe do Arauxo". 
Era unha tarde de sábado, de sol de mediados de abril, ese que empeza a quentala pel dun, inda que dende o río subía unha pequena brisa, con un vento do suroeste, notábase a súa presencia moi preto como se fose un preludio do que despois acontecería, unha chea de historias chegarían a nos coma esa pequena brisa.
O señor Luis Argibay deume a benvida, andivemos ata a eira da súa casa, e alí na comodidade, entre dous veciños surxiu unha paixón recíproca, pola súa parte para contar antigas historias do río e pola miña para absorber todo o que puidera de eses coñecementos,  deume a pequena impresión que me estaba agardando, neste momento creo que é boa idea dar as grazas ó seu fillo por facilitar e ir preparando esta entrevista, sen coñecelo a el creo que nunca se houbera feito.
Luís Argibay e Pepe do Arauxo na Portada
Na entrevista, Luís contounos moitísima información e por suposto mil e unha anécdotas de pescadores, díxonos que na súa época había 13 barcos de pesca no río, seis barcos en Vilar de Matos e sete no porto do Ribeiro, con nomes como o "Galicia, San Pedro ou Sara por citar algúns", como unha das primeiras anécdotas contounos que un barco se chamaba “Reme - Dios”, nome que a mariña de Tui mandou quitar de inmediato o ter coñecemento do significado real do nome do barco que era “que reme Dios”, (risas entre os que faiamos esta entrevista).
Díxonos que os barcos fáianse nas casas de algúns veciños, ou nos alboios que por exemplo había o lado do deposito de sal no antigo serradoiro, no que hoxe e propiedade da familia de Don Jaime Lambertti , xuntándose todos os veciños para votar unha man, viñan os Mestres carpinteiros da zona do Empalme e do Cotro, díxonos tamén que en Vilanova de Cerveira seica había un Mestre carpinteiro moi bo, os barcos que se facian eran os de tipo chalana, dime Luis que tamén se construían algúns barcos un pouco máis grandes, poderían ser os de tipo Forcadela como ven nolo conta Eliseo nos libros.
Antes de pescar fáianse os defumadouros nas casas o una propia ribeira antes de embarcar, os defumadouros fáianse collendo unha unha tella de barro e nela quéimanse herbas “máxicas” ou de San Xoán, despois do conxuro, e tirábase a tella de costas ó río, así creíase estar listo un para ir pescar, e haber espantado as bruxas. Nos barcos os pescadores levaban moitos amuletos como auga bendita, allos e ruda, pero a ruda solo valía se era roubada senon non faia efecto, así que a noite anterior había que roubala ruda e que non te descubrirán.
Tella de barro para facer os defumadouros

Contounos que os pescadores faian unhas quedadas nocturnas, ían polos cruces dos camiños, na Xoia, no cruce da Mariña e noutros cruces, e neses lugares con ramas de buxo barbeiro pegábaselle unha malla as redes para espantar e quitar as bruxas, díxonos que esta tradición acabouse facendo de noite pola vergoña da xente a facelo de día.

Luís amosounos o libro que lle regalou D. Eliseo, pasando as follas mostrounos as fotos que nel saian, e deunos os nomes dos pescadores,  xente de Tabagón, Goián, etc,…

Cando había un gran lance de sábalos ou salmóns, seica gritábase “hai o velliño ou ven o velliño”, todos no barco gritaban o mesmo.

A néboa e un dos perigos do río por todo o que conleva, Luís contounos outra historia da néboa como protagonista, coma a que un día estaban pescando, e no medio do río desorientáronse ou se perderon; o compañeiro dicíalle que o río era máis ancho do normal e que pensaban que xa ían para A Guarda, ata que un deles situouse ao acordarse dun vello asento deixado polas riadas do inverno anterior, así que xa sabía onde se atopaban, seica estaban subindo o esteiro de Vilar de Matos. (Volven as risas na entrevista).

Contoume da amizade con Don Eliseo, que era moi boa persoa, moi intelixente que lle encantaba a historia do río, como anécdota que amaba os animais moito e que sempre se preocupaba por eles.

Luís explicounos que onde hoxe esta o cuartel da Mariña antes había un cuartel máis antigo e que os mariñeiros alí destinados durmían en Forcadela nunha casa no barrio de Aldea, despois mostrounos onde comezaba o camiño dos pescadores en Sobre la Veiga e finalizaba no porto do Carballo.

Entrada do camiño de pescadores ó Porto do Carballo

Que os pescadores unha vez ao ano se reunían para limpar os restos de ramas, raíces, e arbores que as riadas deixaban durante o  inverno a estes restos se lles chamaban (Sideiras ou Asidas).

Contounos a anécdota coas canles de televisión, que na década dos noventa viñeron gravar toda a cultura do río, e que lles prometeron aos pescadores que recibirían unha copia do documental e que nunca máis volveron saber deles, (“Por interese quéroche Andrés”).

Á vez coméntounos que a forma de aplicar o alcatrán ao barco non era exclusivo dos portugueses referíndonos claro esta á frota negra e que aquí se aplicaba esa técnica da brea para que no barco non entrase auga, coma se fose un tipo de illante, aplicábase no barco cunha especie de fregona antiga.

Por último, comentou os problemas no río, que era a falta de unidade dos pescadores para resolver os problemas do río coa Mariña e por outros moitos motivos, que non miraba a unidade que antigamente había entre pescadores e as bromas e historias que ocorrían entre eles.

Hoxe deixámolo aquí, acabamos a entrevista e damos as grazas a Don Luís por estes marabillosos momentos onde aprendemos, rimos, e pasámolo ben lembrando remendos da nosa historia.

Praia fluvial e antigo Porto de Maceira

en la vida somos lo que queremos ser, aunque sujetos a nuestras limitaciones, pero también somos lo que heredamos de generaciones pretéritas que lucharon por nosotros y que en los susurros del tiempo nos envían sus ideas, en forma de tradiciones”, este parágrafo préstanolo Emilio Estévez Martínez, da su gran Obra “El Báculo De San Epitacio” que me parece xenial para acabar este artigo reflexando que desde este pequeno blogue intentaremos ser os gardiáns de esas tradicións, que volven a nos como  esa néboa no río ou o vento do suroeste pola tardiña na casa do Luís, so queremos ser os aliados desas xeracións pretéritas.

Este pequeno artigo quérollo dedicar a tódolos pescadores que coñecín desde neno, limpando redes na casa do Luís, paseando no barco do Arauxo, ou indo a buscar os muxeles a casa do Manolo, ou sacando as sollas das redes na casa do Lino e en especial a meu avó, o mellor pescador a cana que eu coñecín.